28M PSOE: Formoso asegura que Francisco Rodríguez ten "liberdade" para decidir sobre posibles pactos en Ourense

"O espectáculo e o esperpento político en Ourense ten un nome, que se chama Baltar", apuntou o secretario xeral dos socialistas galegos. Besteiro aposta por unha "maioría progresita" para poñer fin ao "desprestixio" de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/05/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que o candidato socialista á Alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez, ten "liberdade" para decidir sobre pactos tras as municipais do próximo 28 de maio. Así o manifestou ao ser preguntado sobre un posible acordo para facilitar a Alcaldía do popular Manuel Cabezas despois dos comicios deste domingo durante unha entrevista na canle dixital 'Ou Ké!' e recollida por Europa Press.

Preguntado sobre se a dirección galega deixará liberdade a Rodríguez para tomar decisións que eviten que Gonzalo Pérez Jácome sexa alcalde, como apoiar unha posible investidura do popular Manuel Cabezas, Formoso subliña que a "autonomía de Paco Rodríguez é absoluta". "A autonomía dos compañeiros na cidade de Ourense é absoluta e vai ser absoluta", afirmou.

O xefe de filas do PSdeG sinalou que esta liberdade xa foi total na conformación da candidatura, onde a dirección galega "non interveu para nada". "Houbo outras etapas do Partido Socialista onde interferían na confección das listas, metíanse paracaidistas que non gañaran na asemblea local", dixo Formoso para incidir en que "o respecto é absoluto en cada un dos pobos de Galicia".

"Esta dirección non cometeu ningunha interferencia porque cremos que é podrecer o debate, entorpecer un proceso que ten que ser natural, que ten que saír de abaixo a arriba e que ten que ser absolutamente democrático", sinalou. Neste sentido, apuntou que Francisco Rodríguez "tivo esa liberdade e vaina a ter para tomar decisións, para acertar, para equivocarse e sobre todo, para pór os intereses da cidade e a coherencia como bandeira por encima de calquera outra cuestión".

O xefe de filas do PSdeG sostivo que a xente que está "agora no PSOE" fai "política con alma" e avergóñase "se adopta posicións incoherentes sen ter unha xustificación para iso". "Hai cuestións de coherencia social, de enganar á sociedade que nunca imos cometer e iso sería enganar á sociedade", apuntou. Tras iso, asegurou que "isto non é así no PP" e lembrou que os populares foron os responsables de investir a Gonzalo Pérez Jácome como alcalde a pesar de que o PSOE "gañou as eleccións". "O espectáculo e o esperpento político en Ourense ten un nome, que se chama Baltar", apuntou.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, atende aos medios de comunicación xunto ao candidato socialista á Alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, atende aos medios de comunicación xunto ao candidato socialista á Alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez.. PSDEG | Fonte: Europa Press

FIN DE CONTRATACIÓNS

Por outra banda, o candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez, reclamou este martes a paralización dos procedementos de contratación do Concello de Ourense ante os novos audios nos que se escoita ao rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, falar de presuntos sobrecustos en adxudicacións.

Tras esta revelación, Paco Rodríguez sinalou que "as noticias son dunha profunda gravidade", polo que considera que "debe producirse unha parálise automática e instantánea" de calquera tipo de adxudicación na institución.

"QUE A MAIORÍA PROGRESISTA NON SE DURMA"

Tamén o delegado do Goberno en Galicia e membro do Partido Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, apelou a que a "maioría" progresista "non se durma" nas eleccións municipais para pór fin ao "desprestixio" de Ourense. Besteiro sostivo que o seu partido na cidade "fala de proxecto e de futuro", "de cousas para pór orde e sobre todo fin á desorde" que vive a cidade que, ao seu xuízo, padece un "desprestixio" que é "evidente".

INCAPAZ DE APARTAR A BALTAR

Ademais a viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non sexa "capaz" de apartar ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tras coñecerse que foi interceptado en dúas ocasións o mesmo día superando amplamente os límites de velocidade.

Nunha rolda de prensa ofrecida este martes tras a reunión da Xunta de Portavoces da Cámara galega, a responsable socialista criticou a "imaxe política deplorable" que ofrece pola falta de resposta ao ser multado en dúas ocasións no mesmo traxecto mentres conducía o vehículo oficial da Deputación pola autovía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta