Por Moncho Mariño | Santiago | 24/05/2023 | Actualizada ás 14:00
-A primeira pregunta para min é obrigatoria. Que é a carreira “perrestre”?
Pois nós temos un compromiso no noso programa de converter Santiago nunha capital dos animais de compañía. Temos propostas para facer parques caninos en todos os barrios da cidade. Ademais, tamén queremos darlle un aspecto de cidade amiga, cidade atractiva para os animais e por iso decidimos anunciar a posibilidade de crear unha “Carreira Perrestre”. En que consiste? Os donos, xunto cos seus animais, poderán correr nunha carreira organizada polo centro da cidade nun acontecemento aberto a todas as familias, para todas as idades nun día festivo.
-Ten ou garda relación coa intención de negociar cos hostaleiros que permitan a entrada a determinados locais?
Seguindo nesa liña, canto máis amable sexa a cidade e haxa posibilidade de interacción dos animais coa contorna, pois traballaremos nesa aspecto.
-Foi unha proposta da hostalaría?
Non, é unha iniciativa nosa de programa de goberno e de insistir que Santiago sexa unha cidade amable na súa totalidade.
-De onde vén Borja Verea político?
Pois son de vocación política tardía, son licenciado en Dereito, doutor en Dereito, funcionario e é certo que me incorporei a administración autonómica en 2009, en 2011 fun secretario xeral, un posto técnico mais con responsabilidades de goberno. Hai tres ou catro anos decidín dar o paso de intentar, e estou seguro de conseguir, ser alcalde da miña cidade.
-Alguén lle dixo “non te metas en política”?
Certamente é algo que oes moito. Cando naceu a posibilidade de meterme nesta batalla para ser alcalde de Santiago, que para min é a responsabilidade pública máis grande que pode haber, debo recoñecer que non o dubidei e sendo conscientes das dificultades que ten no meu caso, vindo dunha marca como é o Partido Popular, que esixe para gobernar unha grande maioría. Mais agora mesmo estamos niso, nun camiño de crecemento e quedan cinco días para confirmalo.
-A política fíxolle gañar ou restar amigos?
Os amigos son os que xa tiña antes de entrar na política. Hai moitos e moitas compañeiras de aventura política. Penso na amizade como os e as amigas de sempre e que van estar aí cando un deixe este escenario político, un escenario moi esixente, sempre estás no foco e debes ter moito coidado para ter o ego baixo control, pois vai haber un momento en que deixarás de ser político e volver á túa vida ordinaria e aí é onde van estar os de sempre.
-Durante a campaña cualificou de “triste e canso” o actual goberno local. Cales son os puntos que busca aportar a súa candidatura para diferenciarse do goberno de Sánchez Bugallo?
Primeiro, ganas de facer as cousas; segundo, ideas novas e en terceiro lugar levar a cidade cara onde merece, ao século XXI. Estou convencido de estalo demostrando durante a campaña e a precampaña con propostas moi concretas e específicas que supoñan unha transformación para a cidade. Por tanto, a cidadanía de Santiago ten o vindeiro 28 de maio ten dúas opcións, un goberno de futuro para levar a Santiago ao século XXI e por outra parte un candidato do pasado, máis do mesmo e sen novas ideas. Este goberno actual só recolleu promesas, non xa do mandato pasado, senón de hai tres ou catro candidaturas. Creo que a xente terá en conta todo isto de cara o 28 de maio.
Sempre estás no foco e debes ter moito coidado para ter o ego baixo control, pois vai haber un momento en que deixarás de ser político
-Que significa “un PP de vangarda”?
Non creo que me equivoque mais nunca dixen “un PP de vangarda”, senón que busco unha cidade de vangarda. Isto significa ser unha cidade capaz de competir coas principais cidades do mundo e para iso debe recuperar a súa autoestima. E sobre todo, quitarnos o complexo de capitalidade que temos. É como se durante moitos anos fosemos pedindo perdón por ser a capital de Galicia. Debemos defender o noso con toda a contundencia e sen ningún tipo de complexo. Iso permitiranos poñer obxectivos complicados mais realistas, iso é o que eu entendo por vangarda.
-Como describe ese complexo de Santiago por ser capital administrativa de Galicia?
Ese complexo de capitalidade aparece cando tes que defender o teu posicionamento fronte outras cidades, pois parece que non o defendemos coa contundencia que merece. Un exemplo do pasado foi a batalla dos aeroportos galegos que beneficiou á cidade de Porto. Temos o caso da universidade, pois cando todas as rexións de Europa están apostando por concentrar talento, nós disgregamos o talento en diferentes cidades, por tanto tamén perdemos esa batalla. Outras cuestións máis recentes foi o da Axencia de Intelixencia Artificial, elemento que deixamos pasar tamén sen dar batalla como se tiña que dar. Son exemplos, mais a capitalidade esixe unha maior presenza, somos unha capital emocional, sentimental e isto debe demostrarse no día a día.
-Que outros elementos considera máis descoidados polo equipo de goberno?
Primeiro, a xestión diaria con exemplos contrastables como ser o concello que máis tarda en pagar provedores, que non deixan de ser empresas e por tanto creando un gravísimo problema de burocracia, con todo o atrancado en materia de licenzas. Despois o servizos básicos, que non foi quen de actualizalos, con pouca transparencia, algo que fixo a poucos días de iniciarse a campaña electoral. Aí temos o exemplo do contrato de autobuses, o contrato da auga non puido saír e o contrato do lixo é un desastre logo dun ano operativo. A partir de aí iso vaise trasladando ao día a día na cidade, falta de limpeza, un mal mantemento dos barrios e xa é un clamor na cidade, foron catro anos perdidos.
É como se durante moitos anos fosemos pedindo perdón por ser a capital de Galicia. Debemos defender o noso con toda a contundencia e sen ningún tipo de complexo
-Cales serían as actuacións que propón en economía, sobre todo en terreos como vivenda, turismo, rural e mesmo peonalizacións?
En materia de economía queremos que Santiago sexa unha cidade creativa e intelixente. Hoxe ninguén definiría Santiago como unha cidade industrial. Podemos dicir que ten un sector turístico moi potente, un sector administrativo moi potente mais non é unha cidade industrial, aí temos os datos do PIB. O drama é que poderiamos selo, pois temos todos os ingredientes. Temos centralidade de país, Galicia, temos centralidade atlántica, temos estradas, aeroporto, tren e mesmo portos cerca. Temos axentes públicos de coñecemento moi importantes, Universidade, hospitais, centros de investigación e todo iso non o estamos transformando en industria. As nosas medidas son basicamente dúas: a creación da “Oficina Santiago Inviste” para facer un tratamento persoalizado a todo aquel operador económico con intención de xerar riqueza en Santiago, isto simplificará e reducirá os prazos de tramitación e tamén estará encargado de captar oportunidades e non esperará a que peten á porta. Anunciamos a creación do “Fondo Santiago Inviste” que sería un fondo de capital risco municipal para poder entrar no capital ou empréstito participativo daqueles procesos que xeren valor engadido na nosa cidade e ligado a isto unha axenda internacional.
-Cales son as propostas para a xestión do turismo fronte as doutras formacións políticas?
Queremos apostar pola calidade e non pola cantidade. Isto pode materializarse escoitando os receptores da nosa cidade que están especializados en visitantes de alto valor engadido como pode ser a nosa planta hoteleira, que é unha das máis profesionais que existen. Aí o Concello apoiará unha axenda cultural de alto nivel, é dicir, que alguén queira vir directamente a Santiago para ver un expectáculo. O segundo aspecto é a captación de eventos deportivos internacionais e o terceiro as producións cinematográficas. Estas xeran riqueza mentres están gravando na cidade e en segundo lugar, o visionado indirecto da cidade por todo o mundo. Dentro da cultura queremos que Santiago sexa de novo epicentro e vangarda pois perdemos esa vitalidade que tiña nos anos 90. Imos constituír un foro de cultura local onde estarán os axentes da propia cidade, tanto programadores como creadores e artistas que farán as súas propostas e nos axudarán na candelarización, que é moi importante. Apostaremos por formatos de calidade de tamaño medio, integrados no contexto urbano para que a cidade sexa unha plataforma nese avance no eido cultural.
-A vivenda está sendo tamén, quizais cun peso propio, un dos temas máis recorrentes nesta campaña.
Santiago ten un gravísimo problema de vivenda, quizais o maior problema que ten hoxe e non é novo. Durante os últimos 30 anos estamos vendo marchar á terceira xeración de santiagueses para vivir noutros concellos. Isto non ten sentido cando temos un municipio tan amplo. Pregunto: por que non temos un Bertamiráns ou non hai un Cacheiras dentro do noso concello. Pregunto: por que non se está construíndo en Santiago se temos demanda? A resposta é que o PXOM non permite construír. Hai máis de quince espazos delimitados que seguen sen desenvolverse e nós imos acometer unha reforma dese PXOM que vai necesitar dun grande acordo de cidade. Primeiro, para reducir estes polígonos que non se poden desenvolver e logo facilitar as cargas e beneficios dos sistemas xerais. Cando se fala de Emuvisa si ou Emuvisa non?, é un debate falso, porque se non se modifica o Plan Xeral non se vai poder construír. En segundo lugar, o problema tamén está na vivenda baleira xunto a que non se constrúe. Están taxados, ou polo menos falan de entre 5.000 e 8.000 pisos baleiros en Santiago. Iso é unha barbaridade cando a xente marcha de aquí. Nós temos unha proposta completamente diferente ao resto de forzas políticas. Están apostando, propoñen, gravar con máis impostos ás vivendas sen ocupar, para forzar aos propietarios para poñelas en aluguer. Nós queremos seguir outro modelo que denominamos “bono vivenda”. Con este bono, o Concello alugará directamente as vivendas desocupadas aos propietarios que o desexen, dándolles seguridade. Porque nós preguntamos, por que estes propietarios non alugan? Nós cremos ter a resposta, inquilinos que non paguen, problemas de seguridade para o mesmo propietario. Desta maneira, tamén se pode poñer en aluguer social, con prezos máis baixos a disposicion de xente nova e dependente porque hai un problema gravísimo de vivenda en Santiago.
Dentro da cultura queremos que Santiago sexa de novo epicentro e vangarda pois perdemos esa vitalidade que tiña nos anos 90
-As propostas das demais candidaturas son moi opostas ás súas.
Iso é o bonito, que o vindeiro domingo 28 de maio a xente poderá escoller entre as diferentes propostas. As principais diferenzas están en que, creando un “chiringuito” máis como Emuvisa se desenvolverá a construción e haberá chan edificable, nós dicimos que non. Mentres non se modifique o PXOM do ano 2008, en plena burbulla inmobiliaria, en 2023 non se van construír novas vivendas. Segundo, queren máis impostos para propietarios de vivendas baleiras, entenden que así as porán no mercado e nós entendemos que non. Nós queremos ser intermediarios entre propietarios e veciños.
-Séntese fiscalizado ou sinalado polo mandato do PP entre 2011 e 2015 en que houbo tres alcaldes en catro anos?
Non, xa pasaron doce anos daquel mandato en que se fixeron cousas ben e cousas mal, como todo na vida. Das cousas malas hai que aprender e as que se fixeron ben debemos insistir nelas. Mais como acontece na vida, neste caso do PP de Santiago, agora somos un equipo diferente, non tiñamos nada que ver con aquel outro. Queremos gobernar Santiago para modernizalo e transformalo, por tanto estou completamente convencido de que non hai unha fiscalización ou unha conexión máis alá de que somos o mesmo partido.
-Algunhas enquisas electorais dábanlle ao PP compostelán un 30% de intención de voto. Aínda así, contan con chegar á maioría absoluta ou abren as portas a coalicións?
En enquisas realizadas a pasada semana tivemos nalgún momento o 40%, logo foron baixando ao 38% e as últimas publicadas por Prensa Ibérica tiñamos un 35% de intención de voto. Por tanto, temos un abano de 10 e 11 concelleiros, ademais de existir unha grande bolsa de indecisos, sobre todo do PSOE. Quedan cinco días e quero dirixirme aos e ás votantes do PSOE de hai catro anos votaron a Sánchez Bugallo e agora están decepcionados. Quero achegarme a eles con humildade mais con determinación, porque para termos unha maioría ademais do voto do noso partido queremos captar o voto de moitas desas persoas decepcionadas coa política do PSOE local. Espero poder contar coa súa confianza para articular esa gran maioría para conformar un goberno sólido e de futuro e poñer en marcha as medidas que estou explicando, pois son transparentes e ao dispor de todo o mundo.
-Eses votantes indecisos ou decepcionados co PSOE téñenselle achegado para manifestarlle precisamente o seu desencanto?
Por suposto un detéctaos, non son experto en socioloxía, mais aparecen nos datos demoscópicos, e despois tamén o mellor dato demoscópico é o da rúa. Aí si estamos sentindo esas ganas de cambio latente na cidade e eu tento proxectar na miña candidatura e queiran que lidere esa transformación que temos por diante.
-As forzas á esquerda do PSOE apoiarían un goberno encabezado por Bugallo?
Creo que non tardarían nin un minuto en conformar este tripartito. Sempre fun consciente, desde o primeiro minuto, que necesito un voto máis que eles tres xuntos. Queda toda esta semana para convencer aos indecisos para votaren entre un candidato de futuro un un tripartito cun candidato do pasado.
Quedan cinco días e quero dirixirme aos e ás votantes do PSOE de hai catro anos votaron a Sánchez Bugallo e agora están decepcionados
-Pactaría con Vox?
Vox non é nin unha hipótese en Santiago, mesmo nas últimas enquisas Santiago é a cidade onde ten a porcentaxe de apoio máis baixo. Por tanto, non é unha hipótese na miña cabeza, non penso nela.
-Estas municipais a nivel estatal, poden reflectir os resultados das xerais?
Creo que non, pois a xente distingue perfectamente cada tipo de convocatoria electoral. Hai un dato importante, en eleccións locais é onde os e as cidadás teñén máis capacidade de modificar o seu voto con respecto do ideolóxico ou partidario, dependendo do atractivo do proxecto, da persoa e da candidatura. Estou convencido que cando consiga esta maioría será porque a xente quere que eu sexa o seu alcalde e non por cuestións de eido autonómico ou nacional.
-Cando soubo que Feijóo sería o presidente nacional do PP, que lle pasou pola cabeza?
Unha oportunidade para o partido a nivel nacional, sen esquecer que eu teño un ámbito local e autonómico. Mais para o partido a nivel nacional é unha oportunidade para ter un resultado electoral despois de anos de non estar quizais á altura electoralmente, por tanto é un acerto apostar por unha figura do prestixio do presidente Feijóo.
-Haberá máis mandatos con Alfonso Rueda na Xunta?
Estou convencido que vai seguir de presidente da Xunta. Creo que o “estilo Rueda” estase consolidando por todo o país e temos presidente Rueda para varias lexislaturas.
-De chegar á alcaldía, cal será a primeira decisión que tomará?
Un dos primeiros decretos que asinarei será o derrubamento da Casa da Xuventude para abrir o parque de Belvís ao Casco Histórico, e ademais é un símbolo de como entendo eu a cidade, desfrutar espazos abertos, comunitarios e verdes. E o segundo decreto, o proxecto máis ambicioso para min, será o Paseo de Galicia que suporá a peonalización de Virxe da Cerca, Praza de Galicia, Senra e Porta Faxeira. Levaremos o tráfico por un túnel de 1.500 metros, conseguindo unha humanización de máis de 20.000 metros cadrados que son 3 prazas do Obradoiro. Unha obra que, estou convencido, será o símbolo para dunha nova xeración e non temos que ir moi lonxe para ver proxectos semellantes e que é o mellor termómetro da nosa falta de ambición. Unha obra máis complexa fíxose en Coruña, O Parrote e estase a facer en Vigo como é o soterramento da Porta do Sol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.