Os dous homes que dispararon a un cidadán en Ribeira foron recollidos en coche por un terceiro para fuxir

Os sospeitosos foron detidos a poucos quilómetros do país luso na mañá do propio domingo, horas despois da agresión cometida cun coitelo e un arma de fogo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2023 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

Os dous agresores que o pasado domingo acoitelaron e dispararon a un home de 27 anos en Ribeira escondéronse despois do episodio violento á espera de que os recollese en coche o terceiro arrestado para emprender a fuxida da localidade do Barbanza.

O vehículo no que viaxaban foi sorprendido a gran velocidade no municipio pontevedrés de Tui, a máis de 120 quilómetros de Ribeira, cando tentaban cruzar a fronteira a Portugal, segundo trasladou a Policía Nacional nun comunicado remitido aos medios este xoves.

Os sospeitosos foron detidos a poucos quilómetros do país luso na mañá do propio domingo, horas despois da agresión cometida cun coitelo e un arma de fogo que foi recuperada na mañá do martes do fondo do porto de Ribeira por un equipo de submarinistas da Policía Nacional.

Trátase dunha pistola de empuñadura branca que foi accionada en varias ocasións, xa que na zona da liorta foron localizados dúas casquillos. O home sufriu dúas feridas de bala das que se recupera no Hospital Clínico de Santiago, aínda que xa fóra de perigo.

DISPARO E COITELADAS

A agresión derivou dun altercado protagonizado por varios individuos durante a celebración dunha verbena que tiña lugar na madrugada do domingo na avenida do Malecón de Ribeira, segundo o relato dos feitos achegado pola Policía Nacional este xoves, un día despois de que o xulgado de instrución número tres decretase o ingreso prisión para dous dos detidos e a posta en liberdade para o terceiro, investigado por encubrimento.

A pelexa trasladouse media hora máis tarde, sobre as 03,30 horas, ao canellón Diego Delicado, onde os implicados se ameazaron uns a outros ata que un deles sacou unha pistola e disparou cara a dúas persoas.

Unha das balas impactou contra un home de 27 anos, que recibiu varias coiteladas nas costas e outro disparo antes de caer ao chan. Os agresores saíron á carreira do lugar, onde quedou a vítima asistida polos seus amigos ata a chegada da Policía Nacional e dunha ambulancia que procedeu ao seu traslado ao Hospital do Barbanza, de onde foi derivado ao CHUS pola gravidade das feridas.

Os axentes recolleron do lugar dos feitos un coitelo ensanguentado e dous casquillos, pero non localizaron a arma de lume. Pola súa banda, segundo a versión da Policía, os dous agresores acudiron ao porto para desfacerse da pistola e escondéronse á espera de ser recollidos por un terceiro co obxectivo de saír do país en dirección a Portugal.

A fuxida foi abortada polos axentes que os sorprenderon a gran velocidade cando se aproximaban á fronteira entre Galicia e o país luso. Aos dous detidos acusados de cometer a agresión impútanselles dous delitos de homicidio en grao de tentativa, ao que se suma para o suposto autor do disparo outro delito de tenencia ilícita de armas.

Ambos permanecen en prisión provisional e sen fianza por orde da maxistrada do xulgado de instrución número 3 de Ribeira, que ordenou a posta en liberdade para a persoa que recolleu aos agresores, á que se investiga por un delito de encubrimento.

Pistola supostamente empregada polos agresores dun home de 27 anos en Ribeira (A Coruña). POLICÍA NACIONAL
Pistola supostamente empregada polos agresores dun home de 27 anos en Ribeira (A Coruña). POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta