Ignacio Ramonet: "A suba da extrema dereita en toda Europa é un elemento perturbador no desenvolvemento político"

Ignacio Ramonet (Redondela) impartiu na Facultade de Ciencias da Información en Santiago un seminario sobre xeopolítica con especial interese nas consecuencias da pandemia e da guerra en Ucraína. A idea é que o mundo se polariza cada vez máis entre Occidente e China coa súa área de influencia, isto materialízase nunha guerra comercial entre os dous espazos económicos e políticos. Considera que a poboación mundial non está preparada para outra pandemia como a da COVID aínda que si se puideron extraer coñecementos sobre como tratar unha nova crise sanitaria.

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Despois da pandemia COVID19, cales son os principais cambios xeoestratéxicos dentro do fenómeno da globalización?
A pandemia, primeiramente, trouxo un fenómeno que nunca até daquela se vira na historia da humanidade: obrigar a millóns de miles de persoas confinarse nos seus fogares, nunca tal se vira nin sequera durante outras pandemias. O confinamento provocou a interrupción da produción a nivel mundial. Como se alguén premese o comando “stop” e detivese a produción mundial. Outro fenómeno foi a parálise do consumo. Estas dúas interrupcións frearon o comercio internacional e os intercambios globais. Isto era a primeira vez que ocorría desde hai corenta anos, cando arrincou a globalización.

Ignacio Ramonet en Santiago de Compostela 2
Ignacio Ramonet en Santiago de Compostela 2 | Fonte: GC-MM

-A pandemia, entón, demostrou que a globalización é un fracaso?
Non, non, o sucedido foi unha interrupción técnica da globalización. Cando finalizou a pandemia e ao mesmo tempo comeza a guerra en Ucraína, aparece un fraccionamento do mundo. Esa división creou un campo pro-ruso, onde non sabemos moi ben cal é a postura chinesa e en paralelo, EEUU lle estea facendo a guerra comercial, moi forte, a China. Isto tamén é un factor paralizante para a globalización. O caso é que hoxe non podemos falar de globalización tal cal era en 2018 ou 2019.

-Durante o periodo de “stop” na produción capitalista, o capitalismo reuniu coñecementos abondo para confrontar outra crise sanitaria como a da COVID e non ter que frear a produción?
Non estou certo diso. Evidentemente, non estamos protexidos contra outra pandemia, aínda máis, a pandemia demostrou que a humanidade está exposta a ese tipo de perigos, o nacemento doutra pandemia en breve. Outra cousa é se unha nova pandemia podería ser combatida sen o confinamento da poboación, iso é algo incerto. Por que? Porque se hai unha nova pandemia será porque non temos vacina, a única maneira de combatela é illándose dos demais. Mesmo cando se descoñecía a existencia de virus, as persoas intuíron que o mellor era interromper a comunicación.

A pandemia trouxo un fenómeno que nunca se vira na historia da humanidade: obrigar a millóns de miles de persoas confinarse nos seus fogares

-Falando de China e Rusia, os primeiros sempre van moi amodo coas súas decisións e ademais, agora mesmo teñen un rival veciño, a India. Aínda así, estes tres países poderían crear un eixo común comercial e mesmo militar contra Occidente?
Non esquezamos que Rusia, China e India están dentro dunha organización denominada BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) e que pode formar unha alternativa ao eixo occidental. Mesmo os BRICS decidiron ampliar o número de socios pois hai unha serie de nacións con desexo de sumarse á organización e son países tan importantes como Indonesia, Arabia Saudita ou Irán. Os BRICS reunirían a masa demográfica máis importante do mundo, pois entre China e India suman máis de tres mil millóns de persoas, case a metade do xénero humano que vive no planeta. Estes movementos nacionais indican que estamos pasando dun mundo a outro mundo.

Ignacio Ramonet en Santiago de Compostela
Ignacio Ramonet en Santiago de Compostela | Fonte: GC-MM

-Levamos máis dun ano coa guerra entre Rusia e Ucraína. Cales foron as principais fallas rusas e occidentais?
As previsións occidentais fracasaron no seu  proxecto de ampliación da OTAN e agora vemos ditas consecuencias, a intervención de Rusia en Ucraína. As fallas da parte rusa foi a falta de previsión sobre a resistencia ucraína e un apoio tan importante e decidido de Occidente. Aínda máis, a ofensiva rusa de febreiro do 2022 fracasou e tiveron que retirarse esencialmente ao Dombass.

Mesmo cando se descoñecía a existencia de virus, as persoas intuíron que o mellor era interromper a comunicación

-A entrega de material bélico occidental a Ucraína pode transformarse nunha escalada de violencia cunha magnitude maior?
Si, desde logo, pois a Federación Rusa avisou que se esta axuda tivese como consecuencia entrar en territorio ruso, iso podería ser causa mesmo do uso de armas nucleares. O problema está en saber que entenden os rusos por territorio ruso, pois eles xa declararon como espazo ruso o espazo que ocupan en Dombass. Por tanto,  se os ucraínos entran no territorio do Dombass, será elemento suficiente para usar armas nucleares? Unha segunda hipótese é que se os ucraínos entran en Crimea, un territorio anexionado polos rusos en 2014, se se considera ruso, é susceptible de uso das armas nucleares? E que ocorre se só falamos do territorio recoñecido internacionalmente como ruso, sen Dombass e Crimea? Non sabemos nada de momento.

-Poderían usar tamén o argumento de agresións a minorías rusas nas repúblicas ex-soviéticas, acusación usada contra as repúblicas bálticas en varios momentos.
Iso é parte do argumentario da actual guerra e poderían volvelo a utilizar. Iso sería preocupante para algunhas das repúblicas ex-soviéticas, como Kazakistán e as repúblicas bálticas, onde hai grandes minorías ruas.

-Volvendo a Estados Unidos. Política e militarmente é unha potencia en crise?
Xa non é a potencia que era durante a década dos 50 e durante a Guerra Fría. Aínda así é unha crise relativa. Segue sendo a primeira potencia militar, a primeira potencia económica, espacial, marítima, a primeira potencia en Internet, as redes sociais son esencialmente americanas. O que si, xa non teñen un dominio en solitario sobre todo pola rivalidade estratéxica chinesa, pois é a potencia emerxente que máis sombra lle pode facer mais, indiscutiblemente, seguen sendo unha potencia. Con todo, onde está a debilidade de EEUU? Nas fallas existentes dentro da súa sociedade, unha sociedade moi enfrontada, con moitas desigualdades e unha sociedade marcada pola división racial. Todo isto xunto pode poñer en discusión o seu liderado no mundo.

-O fenómeno migratorio cada EEUU pode axudar ao declive dese país?
De declive non estou certo, mais si pode intensificar os enfrontamentos étnicos que hoxe son unha característica dos EEUU.

-Sobre a intelixencia artificial, que cambios pode traer ao terreo da información?
Hai un gran debate arredor deste tema, sobre todo polas solucións que trae mais tamén polos problemas inherentes a ela. Esta substitución do cerebro humano por unha máquina capaz de realizar operacións traducirase socialmente, coa perda de moitos empregos até o de agora fóra do perigo do “maquinismo”. Falamos de máquinas capaces de substituír o cerebro na súa capacidade de intelixencia, iso si pode provocar despedimentos masivos en sectores como bancario, intelectual, universidade, etc. Mais o perigo vai máis alá, en termos de información agora podemos imaxinar que a intelixencia artificial produce a información. Xa o está facendo nalgúns sectores, nalgúns xéneros e tamén coa creación de imaxes cun realismo impresionante. Isto é un perigo pois cada vez será máis difícil diferenciar o verdadeiro do falso e aínda máis, o verdadeiro perigo estaría en que a intelixencia artificial asuma capacidades de dirección substituíndo definitivamente o ser humano. Entramos nun terreo case de ciencia-ficción, que as máquinas tomen o poder. Se hoxe unha máquina é capaz de vencer o mellor xogador de xadrez humano, iso significa a acumulación de grandes capacidades intelectuais por parte dunha intelixencia artificial que mañá podería expresar emocións, algo propio do ser humano xunto coa súa intelixencia natural. É preocupante, pois agora mesmo hai armamento con intelixencia artificial que toma a decisión de disparar sen esperar unha orde humana. Isto podería acabar nunha guerra mundial.

 Onde está a debilidade de EEUU? Nas fallas existentes dentro da súa sociedade

-Cales son as informacións e valoracións que ten hoxe sobre o que sucede en Galicia e a posición de España dentro do terreo internacional?
Por desgraza, aínda que teños uns lazos moi emocionais con Galicia, descoñezo o desenvolvemento da política interna galega. Sobre España sei algo máis, e un punto que me preocupa, semellante noutros países europeos, é a suba da extremadereita. É un condicionante importante dentro do desenvolvemento político, é un elemento perturbador. Veremos agora como se desenvolve dentro das eleccións locais Vox.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ramonet fala de moitos temas sen chegar a concluir nada... supoño que eso é a esencia dun bo comunicador (deixar todo aberto). Para comezar direi que a tese da suba da "extremadereita" en toda Europa, se queremos falar en serio deberamos preguntar por que a "socialdemocracia" fallou estrepitosamente en toda Europa ? Ao mellor buscando as causas entenderíamos mellor os cambios ? Zapatero e Pepe Blanco ~ 10 anos de austeridade con Merkel e Mariano ~ Enchemos as prazas no 15M ~ Pablo Iglesias en Galapagar ~ 23 Ministerios ~ Yolanda e o seu Partido Instrumental ~ e logo falamos da extremadereita ??? Pode ser que non sexa máis que a Reacción ! Onde está o Partido Socialista en Italia ? Onde está o Partido Socialista en Grecia ? etc etc etc...