Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2023 | Actualizada ás 12:47
O alcalde en funcións de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou á primeira hora deste luns a súa renuncia como secretario xeral dos socialistas composteláns, á vez que confirmou que non asistirá ao pleno de constitución da nova corporación local, que será o sábado 17 de xuño.
Así o explicou este luns nunha rolda de prensa no consistorio compostelán, na que apuntou que o pleno que elixirá ao novo alcalde da cidade será o 17 de xuño, tal e como acordaron os grupos, e engadiu que el non asistirá, xa que non recollerá a súa acta de edil, como anunciou xa na noite electoral.
Do mesmo xeito, engadiu que á primeira hora deste luns presentou a súa dimisión tamén como secretario xeral do PSOE de Santiago, aínda que recoñeceu que o fixo antes de coñecer a convocatoria de eleccións xerais para o 23 de xullo e dixo aos seus compañeiros que está "disposto" a "seguir en activo ata o 24 de xullo" se así o estiman. "Non é que me queira escapar", chanceou.
Sobre o futuro goberno de Santiago, Sánchez Bugallo dixo que non lle corresponde a el fixar xa os pactos electorais, pero lembrou que "tradicionalmente" o PSOE e o BNG teñen o acordo de apoiar a "a lista máis votada" dos dous, á vez que apuntou que "en Santiago sería difícil de explicar que, habendo 14 concelleiros que conforman unha maioría progresista, non houbese un goberno progresista". Sobre a súa substitución á fronte do grupo municipal ou no PSOE compostelán, non quixo entrar.
BORJA VEREA
Pola súa banda, o candidato do PP á alcaldía do PP, Borja Verea, volveu a reivindicar este luns a súa vitoria nas eleccións municipais deste domingo con 11 concelleiros, a dous da maioría absoluta, e avanzou que a súa intención é tratar de negociar co PSOE para poder gobernar a capital galega en solitario "blindado" polos socialistas.
Ao tempo, o dirixente popular pediu ao BNG de Goretti Sanmartín "rebaixar a euforia" sobre os resultados, que lle permitiron superar ao PSOE en votos e lograr seis concelleiros. Neste sentido, en rolda de prensa este luns, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou ao popular a que "acepte a democracia" e o resultado das urnas e volveu a reivindicar unhas cifras que fan "historia" e que colocarán a Sanmartín como primeira alcaldesa da capital galega.
En todo caso, en rolda de prensa na sede dos populares composteláns, Verea sinalou que quere abrir conversacións co PSOE "en canto se coñece quen é o dirixente", despois da renuncia de Sánchez Bugallo tras pasar de 10 a seis concelleiros e situarse como terceira forza política. A seguinte na lista é Mercedes Rosón.
"A miña intención é iniciar as conversacións co socialismo compostelán, porque é o que blindaría dunha maneira máis solvente un goberno para a cidade", insistiu o candidato popular á Alcaldía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.