Coñece como será a segunda revolución cuántica e o futuro dos ordenadores

O científico Marcos Curty Alonso sinala que mellorará a seguridade das nosas comunicacións en redes abertas como Internet, por exemplo na banca electrónica ou nas compras online.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/05/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Como será a segunda revolución cuántica e como serán os ordenadores e as comunicacións do futuro?. É unha pregunta á que tentará responder Marcos Curty Alonso, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo e investigador do Quantum Communication Center da Universidade de Vigo.

Persoa navegando por internet
Persoa navegando por internet | Fonte: Remitida.

Será este 1 de xuño dentro do "Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos", organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra. "Estamos inmersos na segunda revolución cuántica, que ditará a forma na que procesaremos e transmitiremos información neste século, tal como a primeira revolución cuántica xa fixo coas tecnoloxías da información do século XX”, suliña o científico.

Na súa intervención explicará como a mecánica cuántica cambiará de xeito radical a maneira de compartir e protexer a nosa información nun futuro próximo.  O investigador indica que hai dúas motivacións principais que impulsan as tecnoloxías cuánticas. “A primeira é práctica, e está relacionada coa permanente miniaturización dos compoñentes electrónicos dos nosos circuítos integrados. A segunda é de carácter máis fundamental: os principios da mecánica cuántica bríndannos a posibilidade de codificar, transmitir e procesar información de maneira moito máis eficiente que os seus análogos clásicos”, salienta.

Entre as aplicacións ás que se refire Curty atópase a capacidade para romper a seguridade das nosas comunicacións en redes abertas como Internet. “Por exemplo, cando efectuamos transaccións financeiras con banca electrónica ou compras online, é imprescindible garantir a confidencialidade da información transmitida. Isto realízase con sistemas criptográficos de clave pública, cuxa seguridade se basea na dificultade de resolver certos problemas matemáticos", di. "Pois ben, un computador cuántico podería resolver gran parte destes problemas matemáticos de forma moi eficiente”, engade.

O investigador incide no feito de que “motivados por esta aplicación, así como por moitas outras potenciais aplicacións dos computadores cuánticos", xigantes tecnolóxicos como Google, IBM ou Microsoft están inmersos nunha carreira frenética por ser os primeiros en desenvolver un computador cuántico a grande escala. 

CARREIRA EN EE.UU. E EUROPA

En 2019 Google afirmou lograr a primeira demostración experimental da denominada supremacía cuántica; isto é, ser capaz de empregar un computador cuántico para solucionar un problema imposible de resolver para un computador convencional. Igualmente, este ano IBM presentou o procesador cuántico máis potente do mundo, o Osprey, que conta con 433 bits cuánticos.

Este rápido progreso no desenvolvemento dos computadores cuánticos propiciou que a Axencia de Seguridade Nacional de EEUU, que supervisa os sistemas de cifrado que son empregados nese país, recomendase comezar a planificar unha transición a criptosistemas que sexan seguros fronte a ordenadores cuánticos”.

Tamén Europa planea despregar unha rede de comunicacións cuánticas a nivel continental na vindeira década para protexer os nosos segredos máis valiosos. A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/-/iv-ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta