A Xunta: "Terá que vir Feijóo a arranxar a Lei da Vivenda de Sánchez"

Ángeles Vázquez demanda unha comisión bilateral ao Goberno sobre a lei de vivenda, pois "xa está a haber parálise". A oposición censura as cifras "practicamente nulas" de vivenda pública durante o mandato do PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, informou de que a Xunta vai pedir ao Goberno central unha comisión bilateral en relación coa nova lei de vivenda antes de "determinar" se recorre a súa "inconstitucionalidade".

Na súa intervención no Pleno do Parlamento galego, a conselleira asegurou que con esta lei, que entrou en vigor o pasado venres, "o que xa está a haber é unha parálise de certos proxectos que se ían a levar a cabo" por falta de "seguridade xurídica".

Tras comezar cun saúdo aos compañeiros parlamentarios que se incorporan aos consistorios tras as eleccións municipais --nun Pleno que comezou con 10 minutos de atraso polos saúdos entre deputado--, Ángeles Vázquez sinala que se estuda abrir un proceso de diálogo co Goberno e espera que "alguén sente" coa Xunta en relación cunha norma que "invade competencias autonómicas".

Así, empregou boa parte da súa toma da palabra en cargar contra unha lei que "xera confusión normativa e inseguridade, ataca directamente o dereito á propiedade, prima a okupas fronte a propietarios, aposta por un modelo intervencionista que Galicia non comparte" e, segundo di, dá lugar a "efectos nocivos que van prexudicar tanto a inquilinos como propietarios".

"TERAO QUE ARRANXAR FEIJÓO"

Por todo iso, Anxos Vázquez asegura que esta lei provoca un "incerto" escenario, polo que espera que "cambie máis pronto que tarde". Incide en que "hai maior sensibilidade do Goberno coa ocupación que con persoas que sofren a ocupación". De feito, Vázquez afirmou que "o terá que arranxar Alberto Núñez Feijóo, que é máis que coñecedor das problemáticas de vivenda".

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, no Parlamento. XOÁN CRESPO
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, no Parlamento. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

VIVENDA PÚBLICA "PARADA"

Pola súa banda, Alexandra Fernández (BNG) recriminou ao Executivo autonómico que "mandaron parar a maquinar pública de vivenda protexida" do bipartito coa chegada dos populares á Xunta en 2009, con cifras que foron de só "dúas" construídas en 2018, segundo expuxo.

Remarca que co bipartito impulsábanse entre 2.000 e 4.000 vivendas protexidas ao ano, pero as cifras do PP son "practicamente nulas". Sostén que na última década a Xunta promoveu unhas 1.100, "menos que un só ano do bipartito".

Nesta liña, Eduardo Ojea (PSdeG) criticou as "cifras moi escasas" de construción de vivenda pública por parte do PP, de modo que esixe que a Xunta cumpra coa nova norma para limitar os prezos do aluguer.

Censura o "deixamento" do Goberno galego ante a existencia de máis 15.000 demandantes, o que "triplica os inmobles ofertados", e reprocha que só executou o 8,8% do orzamento dispoñible no Programa de Acceso á Vivenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta