Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2023 | Actualizada ás 16:03
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao PP a clarificar "que quere facer" en Ourense, tanto no goberno da deputación como no do concello da capital, pois cre que os populares van repetir o pacto con Democracia Ourensana polo que en 2019 repartíronse a Presidencia da institución provincial para o popular Manuel Baltar e a Alcaldía para Gonzalo Pérez Jácome.
"Mentres non teñamos claro o que vai facer o PP, o resto son titulares para manternos entretidas e entretidos", aseverou Pontón en resposta ás preguntas dos medios durante a súa intervención no Consello Nacional do BNG celebrado na mañá deste sábado nun hotel de Teo.
"Todo me dá a que van repetir o de fai catro anos", engadiu a líder nacionalista, que basea a súa opinión na lectura "entre liñas" do que trasladan os populares, da que interpreta que queren volver repartirse concello e deputación co partido de Jácome.
"Parece que esa é a xogada", incidiu a responsable do Bloque, que conta con catro edís no concello e tres na deputación, institucións nas que, en días anteriores ao Consello deste sábado, os nacionalistas xa trasladaran que rexeitan facilitar gobernos a Jácome ou Baltar.
Así as cousas, Pontón sitúa ao PP no centro sobre a gobernabilidade en Ourense e mostrou a súa "sorpresa" polo "silencio absoluto" que, di, gardan os responsables do PP. "Non se se Rueda ten algo que dicir ou llo marcan desde fóra. En todo caso, ata agora hai un silencio absoluto e me soprende", apostilou.
ALIANZAS E SANTIAGO
Así pois, Pontón remarcou que o Bloque ten "as cousas moi claras" e "non vai permitir" que o PP goberne nos municipios "onde non teña maioría" para facelo, aínda que trasladou que a decisión de entrar ou non en gobernos será decidido nas asembleas locais e a dirección nacional non vai impor "directrices".
No caso de Santiago, onde a nacionalista Goretti Sanmartín parece ter blindados os apoios de PSOE e Compostela Aberta para converterse na nova alcaldesa da capital galega, Pontón apelou a que as formacións políticas antepoñan "os intereses" da cidade aos do partido.
"A cidade ten que estar por diante de calquera interese partidista", sinalou en resposta a unha pregunta sobre a distancia marcada polo PSOE á oferta feita polo BNG para que os socialistas, que contan co mesmo número de edís que o nacionalistas pero obtiveron case 1.000 votos menos, entren a formar parte dun goberno de coalición.
Así, Pontón fixo un chamamento a PSOE e CA para que se "somen" no futuro goberno de Santiago, unha cidade que "merece un tempo novo". Con todo, o Bloque rexeitou en 2019 e 2015 entrar nos gobernos de Bugallo e Martiño Noriega a pesar das chamadas reiteradas do ex alcaldes a facelo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.