Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2023 | Actualizada ás 13:18
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, en representación da Xunta de Galicia, condenou "o terrible crime de violencia machista" ocorrido este sábado na localidade pontevedresa de Oia, onde unha muller foi asasinada a tiros nas inmediacións dun cámping presuntamente a mans da súa exparella, un Garda Civil que horas despois dos feitos suicidouse ao verse acurralado por axentes do Instituto Armado nun monte próximo ao lugar do crime.
"Como conselleira de Igualdade, por suposto como muller, todo o meu agarimo e un abrazo moi forte á súa familia, pais, irmáns e a todas as súas amizades", trasladou a representante da Xunta. Ante estes feitos, a conselleira quixo lembrar ás mulleres que "non están soas" e pediu que "en canto detecten o mínimo síntoma de violencia de calquera tipo polas súas parellas", acudan aos servizos de información á muller, que denuncien e que "o compartan coas persoas que teñen no seu círculo máis próximo".
Ademais, recoñeceu que as administracións deben "seguir traballando de maneira coordinada" para tratar de tentar "por todos os medios" que as cifras "se reduzan ata o número cero". "Calquera cifra que non sexa cero, en materia de violencia de machista, non é aceptable", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.