Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2023 | Actualizada ás 12:10
A Asociación Forestal de Galicia presentou alegacións á futura lei de loita integral contra os incendios forestais nas que demanda "declarar de utilidade pública a intervención en franxas de seguridade", de modo que as administracións "asuman a responsabilidade" de limpeza destes terreos ao redor de núcleos de poboación.
Censura que a nova lei "mantén un enfoque errado" ao cargar o custo de mantemento destas franxas secundarias sobre comunidades de montes e propietarios forestais, "aos que se lles pide que financien do seu peto medidas de protección civil para garantir a seguridade colectiva".
Aquí, a entidade observa "desatención pública da seguridade cidadá", de modo que se profunda nun "sistema punitivo" orientado a "culpabilizar a propietarios forestais e comunidades de montes, pois se prevén multas, repercusión de gastos de extinción e execución subsidiaria de traballos de prevención.
De tal forma, a Asociación Forestal de Galicia critica que estas multas "pecan de falta de realismo", á vez que "premia a desorde urbanística" por responsabilizar a propietarios forestais da defensa de construcións sen licenza que invaden o espazo forestal.
Estima que en Galicia hai unhas 85.000 hectáreas en zonas de interface urbana-forestal. E o 30% destas franxas secundarias precisas de rozas periódicas. Ademais, esta asociación quéixase de que a Xunta só ofrece unha xestión pública das franxas de 154 parroquias declaradas de alta rega de incendio, cun prezo bonificado de 350 euros por hectárea, o que supón unha "grave discriminación en relación ao resto de propietarios de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.