Así se vive a ABAU: "non é tan difícil"

Os aspirantes descansan nos corredores, nas portas e en cafetarías, algúns apurando os minutos para repasar materias. Moitos nervios ao comezo dos exames e, despois, alivio e relax.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Case 12.800 estudantes galegos están chamados a participar desde este martes na Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU), unhas probas que a maioría afrontan cos habituais nervios iniciais que aos poucos se van despexando, especialmente tras facer o primeiro exame.

A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, que esta semana acollerá a uns 400 alumnos, é un do seis puntos de exame habilitados na capital galega. Os aspirantes da anteriormente chamada selectividade encheron os corredores e aulas destes centros desde as 9,00 da mañá. A maioría estaban divididos en grupos que ou ben tentan despexarse falando doutros temas, ou ben apuran os últimos minutos e aproveitan para dar un último repaso antes do exame.

Tras unha primeira charla introductoria, a ABAU 2023 comezou con Historia de España, proba na que entraron temas como a Segunda República, a Revolución Gloriosa de 1868, a Transición e os Reis Católicos. "Non era difícil", recoñece Denís Doiro, un estudante do IES Cacheiras, de Teo que aspira a entrar no grao en Ciencias do Deporte, coñecido como INEF, e que optou pola composición sobre a Gloriosa. "Ben, saio contento", recoñece a Europa Press, desde a cafetaría da facultade de Ciencias da Comunicación.

Os días previos á ABAU, Denís optou por tomarse o estudo "con calma". "Fun polas mañás estudante catro ou cinco horas diarias, sen abafos. Eu son de todos os días e onte tiven a chea forte, pero ben", asegura.

"FORON FÁCILES"

Tamén desde a cafetaría, tres mozos do IES Manuel García Barros, da Estrada tómanse un xeado tras finalizar o exame de Historia. Un deles, Jesús Palmou, que aspira a entrar en Dereito, sae "contento" porque as preguntas "foron fáciles". Jesús admite que nos días previos só tivo que "repasar", porque semanas atrás tivo que recuperar ata seis materias para poder estar este martes na convocatoria ordinaria da ABAU, un logro que lle recoñecen os seus compañeiros.

Un dos seus colegas, Manuel Carbón, tamén comenta que caeron en Historia os temas "mellor levaba preparados". Tentará entrar en Xornalismo, polo que, se todo sae ben, en setembro estará nos corredores da mesma facultade na que esta semana se enfronta á selectividade.

Menos sorte correu neste primeiro exame Miguel Ángel Gómez. "Eu son a excepción que confirma a regra", asegura, pois apostaba por que ía entrar a ditadura de Miguel Primo de Rivera coincidindo con que o pasado abril se exhumaron os restos do seu fillo José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falanxe.

Aínda que Miguel Ángel recoñece que a historia "nunca foi" o seu "forte", si espera un aprobado e poder entrar en Filosofía o ano que vén. "Tampouco teño unha nota de corte alta. Non me queixo", expresa ante o micrófono de Europa Press, antes de recoñecer que se preparou para a ABAU cunha "última chea" tras "pasalo moi ben as últimas semanas", porque para el prima a "saúde mental".

"AO PRINCIPIO CON MOITOS NERVIOS"

Na saída dunha das aulas da Facultade de Xornalismo, outros dous mozos do IES Cacheiras falan con certo alivio unha vez 'roto o xeo' co primeiro exame. "Ao principio con moitos nervios, pero logo funme tranquilizando e xa ben", sinala Laura Sacido, que quería "quitarse de encima" canto antes a proba de Historia.

Estudantes preparados para realizar un dos exames das probas de acceso á universidade 2023, ABAU, antiga selectividade
Estudantes preparados para realizar un dos exames das probas de acceso á universidade 2023, ABAU, antiga selectividade | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

O seu compañeiro Marco Becerra, que aspira a estudar INEF, coincide con ela en que "ao principio estaba nervioso e logo ben". Sobre o estudo, recoñece que tentou "organizarse", pero que lle custou máis porque é "moita materia".

O ÚLTIMO REPASO

Ás portas da facultade, varias decenas de estudantes charlan á espera do segundo exame, que será o de Lingua Castelá e Literatura, ás 12,00 do mediodía. Laura Carracedo, alumna do IES García Barros da Estrada que quere facer Psicoloxía, respira aliviada tras comprobar que o de Historia foi igual que "os de todo o curso". O seu truco para estudar foi "facer esquemas" e logo "lelos todos os días".

Antonella Deida, unha compañeira que quere facer Criminología, conta que a ela facer esquemas "con palabras importantes" tamén lle axuda "moitísimo". Á espera do exame de Lingua Castelá, vai apurar os últimos minutos para repasar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta