Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2023 | Actualizada ás 20:38
Unha saída de vía dun vehículo en Carnota saldouse cunha persoa falecida e outra ferida. Segundo informa o 112, os servizos sanitarios de urxencia derivaron ao lugar dos feitos un helicóptero medicalizado, que trasladou a unha muller, mentres que o condutor tamén foi evacuado en ambulancia.
Pese ao traslado en aeronave, os servizos non puideron facer nada pola vida da muller, que faleceu durante o traslado, segundo confirmou posteriormente o 112. O vehículo saíuse da vía cando circulaba pola AC-550, quilómetro 26,5, en Santa Comba de Carnota. Así o indicaba o particular que chamou ao 112 Galicia, sobre as 15,00 horas, para solicitar axuda. Indicaba que no vehículo viaxaban dúas persoas maiores e que unha delas necesitaba axuda urxente.
O 112 deu aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou un helicóptero medicalizado e unha ambulancia co equipo médico cara ao lugar. Así mesmo, o 112 Galicia informou á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Muros e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Unha vez no punto e tras as primeiras valoracións por parte do equipo sanitario, os membros do GES comunicaron ao 112 Galicia os traslados dos feridos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.