Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/06/2023 | Actualizada ás 22:00
Renovación ao estilo Feijóo. O líder do PP acaba de facer unhas listas para os comicios do 23 de xuño a súa imaxe e semellanza. Foi el quen coseu e descoseu en todas as provincias para poñer a xente da súa corda, unha selección que, no caso de Galicia, provocou a primeira gran crise do goberno de Rueda.
Unha das principais condicións que impuxo Feijóo cando foi a Madrid foi, precisamente, poder facer o seu equipo en Xénova. E foi entón cando levou a súa garda pretoriana, principalmente, ao seu equipo de asesores e de comunicación que levan con el desde que se fixo coa Presidencia da Xunta. Ese equipo de fontaneiros está chamado, precisamente, a ser tamén a súa "garde de corps" se acada a Presidencia do Goberno de España.
"Pero quen son estes que veñen con Feijóo?", preguntou a este xornalista un veterano cronista parlamentario dun dos grandes xornais de Madrid. "Aquí non saben quen son e non dan dous pesos por eles", dicía. "Os dous pesos igual son cen e volos tedes que comer en Madrid", foi a resposta.
E, efectivamente, ese equipo de fieis é o que Feijóo volve a protexer nestas eleccións de cara ao que poida pasar despois do 23X, tanto se as cousas lle van ben, como se as cousas lle van mal. Por iso, esixiu poñer el os nomes en Madrid e foi un dos acordos aos que chegou con Ayuso nas pasadas autonómicas; "ti fas na comunidade e eu fago nas xerais". E, dito e feito.
O GRUPO DE IRREDUCTIBLES
Mar Sánchez Sierra, Marta Varela, Álvaro Pérez, Luis de la Matta, Miguel Tellado e Marcos Varela, ademais de Isabel Figueira que leva protocolo, volven ser da máxima prioridade de Feijóo. Foron eles os que deixaron a Xunta para acompañalo a Madrid e son eles os elexidos para acompañalo tamén no Congreso e nun futuro Goberno chegado o caso.
Miguel Tellado, ex número dous do PPdeG e, agora, do PP, vai como número un das listas pola Coruña; a ex secretaria xeral de Medios e agora actual responsable da área de Proxección e Imaxe do PP, no 10 por Madrid e Marta Varela, a súa directora de gabinete e ex xefa de Comunicación na Xunta, no cinco por Madrid.
Tamén irán na lista de Madrid o ex director de Comunicación da Xunta e agora responsable de comunicación Marcos Gómez e o madrileño Luís de la Matta, que exercía de xefe de comunicación do PP de Galicia. Pola súa banda, Álvaro Pérez, que foi en varias lexislaturas director xeral do Gabinete da Presidencia e secretario Xeral de Presidencia na Xunta, irá de cuarto pola Coruña.
OS CAMBIOS EN GALICIA
Feijóo non quixo, e tampouco puido no seu momento, levar a máis xente da súa enteira confianza a Madrid cando marchou a liderar o PP. Pero, agora, ante unha convocatoria electoral, non dubidou en causar unha pequena crise de goberno en Galicia para facer equipo na capital do Estado.
A configuración das listas en Galicia son exclusivamente súas e, entre os elexidos, están o ex conselleiro de Economía e vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, que xa levaba tempo querendo ir a Madrid polos seus vínculos persoais e familiares. Irá de primeiro na lista de Lugo. Tamén leva a Rosa Quintana, a eterna conselleira de Pesca que leva con el --igual que Rueda-- desde que en 2009 asumiou a Presidencia da Xunta. Vai de número dous por Ourense.
E, finalmente, a Feijóo tampouco lle tremeu a man en modificar unha das grandes pezas do PP no Parlamento galego, o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, un home moi respectado no seu grupo e en todos os grupos políticos galegos. Puy, ten unha gran bagaxe política e xurídica e, quizais, vaia a Madrid a facer un pouco o mesmo papel que xa fai en Galicia, o de controlar e organizar o Grupo Parlamentario no Congreso. Un movemento que provocará novos cambios na configuración do Grupo Parlamentario do PP.
Todos estes cambios teñen coma fin blindar o seu poder cun grupo de afíns que sabe que non o van a defraudar, tanto no goberno como na oposición. Algúns destes cargos, ademais, está chamado a ter postos de alta relevancia no organigrama executivo de Feijóo se chega á Presidencia, algúns deles, mesmo a asumir ministerios. Outra cousa é que o equipo que lle funcionou en Galicia acabe tamén carburando en Madrid. Alí, na capital do Estado, a percepción sempre é moi diferente ao da periferia, sobre todo, cando son galegos os que asumen responsabilidades de Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.