David Regades e Carmela Silva reivindican a candidatura do PSOE "para volver derrotar ao PP nas xerais"

Por E.P. | VIGO | 21/06/2023 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

Os cabezas de lista do PSOE por Pontevedra ao Congreso e ao Senado nas próximas eleccións xerais, David Regades e Carmela Silva, reivindicaron este mércores a súa candidatura para "volver derrotar ao PP" o 23 de xullo.

Acompañados do alcalde de Vigo, Abel Caballero, Regades e Silva presentaron na cidade olívica ao resto de persoas que conforman as listas dos socialistas, coincidindo coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Precisamente foi Caballero o que apuntou que a urbe "débelle moito" ao Goberno de Pedro Sánchez, porque "todo aquilo que se lle propuxo ao presidente para esta cidade foi respondido cun si", o que se traduce nuns 75 millóns de euros, sempre segundo os seus cálculos.

Pola súa banda, Regades mostrou o seu orgullo pola candidatura, composta por "persoas implicadas, traballadoras e comprometidas con movementos sociais de todo tipo". El puxo en valor a traxectoria do PSOE na provincia, xa que foi "a forza máis votada nos anteriores xenerais, europeas e cun empate técnico nas municipais do pasado 28 de maio" (o PP sacou máis dun 36% dos votos e o PSOE quedou cun 33%).

En concreto, a lista do PSOE ao Congreso por Pontevedra está conformada por David Regades como número 1, seguido de 'Marica' Adrio como 2 e Modesto Pose en terceiro lugar. Continúan a candidatura Paula Fernández Pena, Luís Gómez Piña, Marta Giráldez e Samuel Lago. Como suplentes están Vanesa Fernández Soage, Ladislao Alonso Valverde e Estrela Vilacoba Branco.

A lista do Senado encabézaa Carmela Silva, coa suplencia de Leticia Gallego e Daniel Ricart. Luís López Bueno é o número dous, con Violeta de Santiago e Iago Alberte Carril de suplentes. En terceiro lugar acode Verónica Pichel Guisande, con Xoel Souto e Ainhoa Fervenza como suplentes.

David Regades e Carmela Silva reivindican a candidatura do PSOE  de Pontevedra 'para volver derrotar ao PP nas xerais'
David Regades e Carmela Silva reivindican a candidatura do PSOE de Pontevedra 'para volver derrotar ao PP nas xerais' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non contentos con magonear Concello e Deputación e Zona Franca ... agora tamén okupan a Porta do Sol coma se fose deles (os novos propietarios da cidade) ? Calquera demócrata debera pensar antes de sentar 4 anos a Carmela Silva no Senado (pero que lle imos facer... así son as cousas da política da miseria!) // https://twitter.com/00Memoria/statu...