Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2023 | Actualizada ás 15:08
A CIG-Saúde convoca concentracións para o vindeiro martes, 27 de xuño, ante todos os centros de saúde galegos para demandar á Consellería de Sanidade a retirada do sistema XIDE (Xestión Integrada da Demanda en Equipo) que se emprega para dar citas en centros de saúde.
A central nacionalista anuncia a través dun comunicado esta chamada ás mobilizacións, que serán ao mediodía, contra unha ferramenta que foi "imposta sen ter en conta a opinión da maioría" do persoal administrativo (PSX), que é quen a ten que aplicar.
Ademais, a CIG considera que o XIDE "retarda o traballo" no momento de dar cita, "xerando colas enormes" ante os mostradores; supón "unha importante sobrecarga de traballo"; e "limita a autonomía" do administrativo. De igual modo, o sindicato insiste na "inseguridade xurídica" que provoca.
Cabe lembrar que este sistema, que emprega a intelixencia artificial --cun catálogo con centos de palabras crave-- para dar citas a pacientes en base á doenza que describen ante o PSX, foi recorrido ante a xustiza polo Consello Galego de Colexios Médicos, que cre que invade as competencias dos sanitarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.