Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2023 | Actualizada ás 18:54
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, animou este sábado aos mozos a contribuír a que Galicia alcance outro ano de "record turístico" a través de apoios como o programa Xacobeo Xove, que arrinca a próxima semana.
O titular do Executivo autonómico, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou na presentación desta iniciativa en Sigüeiro (Oroso), pola que a Xunta ofrece descontos en establecementos turísticos do Camiño de Santiago a menores de 30 anos.
O progrmaa diríxese a todos os mozos que contan co Carné Novo, é dicir, que teñen entre 18 e 30 anos. A Administración galega achegará descontos de ata 200 euros en paquetes turísticos que ofrezan as axencias de viaxes para facer o Camiño. O gasto mínimo será de 300 euros.
O programa é froito dun convenio entre o Clúster Turismo de Galicia, a Axencia de Turismo, a Consellería de Política Social e Xuventude, a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia, a Asociación de Turoperadores receptivos de Galicia e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra.
O programa arrinca o próximo 1 de xullo e finalizará o 10 de decembro. O obxectivo principal é "incentivar e axudar a que os mozos fagan o Camiño (un terzo dos peregrinos xa son menores de 30 anos), pero tamén colaborar co sector turístico e contribuír a seguir batendo records de cifras turísticas na comunidade". "Hai moita xente nova que xa pensa que facer o Camiño é un planazo pero faltáballe ese pequeno empuxón", asegurou Alfonso Rueda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.