Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2023 | Actualizada ás 22:00
"Pero non marcho eh!, ou sexa que ‘cuidadito’. Marcho que teño que marchar da Deputación de Ourense, iso o acepto. Pero eu non me vou de ningures, estou no meu sitio. A Deputación segue aberta para calquera, incluso para min. E sobre todo para min. Vai ser o sitio ao que acudirei coa frecuencia que requira o caso, pero evidentemente debo estar en Ourense. Ou sexa que non marcho".
José Manuel Baltar falou alto e claro. Tan claro que deixou sorprendidos aos seus propios compañeiros de partido, sobre todo, aos de Santiago e Madrid. Nunha entrevista en La Región, o presidente do PP de Ourense, confirma que "non marcha" e, segundo, que non tivo nada que ver na 'Operación Jácome'. Datos a ter en conta na situación dun Partido Popular que navega dividido na provincia de Ourense e con amagos de rebelión.
Nesa entrevista, Manuel Baltar, sinala que seguirá á fronte do partido na provincia. "A deputación provincial vivirá un goberno que terá a fortaleza suficiente para afrontar eses retos e eu como presidente do partido acompañado todas as accións", sostén Baltar, que di que lle "apaixona" liderar o PP de Ourense. Unha posibilidade que tamén confirma o portavoz do Partido Popular na Deputación de Ourense, Plácido Álvarez. "Manuel Baltar como militante do PP de Ourense ten o seu dereito a presentarse para presidir a organización provincial como o teñen outros compañeiros", indica.
"É unha pregunta que se plantexa cando se convoque o próximo congreso, será unha decisión que terei que tomar tendo en conta todas as opinións e sobre todo aos meus máis directos colaboradores en cada concello e en cada comarca". Un "zasca" ao presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, que deu por feito que o ourensán non tentaría esta responsabilidade.
A 'OPERACIÓN JÁCOME'
É a resposta do fillo de José Luis Baltar ao líder do seu partido para non dar por "finiquitada" a herdanza política do seu pai. E, iso, a pesar de que di non sentirse "traizoado" nin por Rueda, nin por Feijóo a pesar de que, segundo distintas fontes, negociaron as súas costas e ás de Manuel Cabezas, candidato popular no concello de Ourense, o futuro da cidade e da provincia.
Precisamente, na 'Operación Jácome' está o principio da fin de Baltar, ou o principio do principio de José Manuel. Unha operación que proxectou primeiro a dirección galega do PP coa secretaria de Organización, Paula Prado, e que acabou fechando a man dereita de Feijóo, Miguel Tellado, nun encontro cara a cara co alcalde ourensán do que, ademais, saíu un compromiso asinado por ambas as partes de "non belixerancia".
E nese pacto de "belixerancia" está o compromiso do PP de non interferir nas decisións políticas de Jácome na cidade, e o de Jácome de facer o mesmo na deputación. Tamén evitar que o líder de DO se poida presentar ás eleccións galega, o que, no propio PP consideran que podería supoñer a perda da Xunta.
BALTAR E CABEZAS, 'OUT'
O propio Baltar confirma que el non autorizou esa operación nin estivo nas negociacións. "Eu dixen que non pactaríamos con Jácome nesta volta, existiron cuestións gravísimas durante a campaña que fixeron que foramos á xustiza". De feito, confirma que a súa saída non ten que ver con ese acordo. "Non, esas negociacións foron posteriormente. Esperouse ata o final, estábase falando de concellos e cando se empeza a falar da Deputación eu xa estaba apartado desa querencia por ser non só deputado, senón presidente da Deputación", apunta.l
E que pasou para que se chegara entón a ese pacto?. "Creo que ten que ver con esa situación de emerxencia extraordinaria que supoñía Ourense no panorama de Galicia. É certo que un pacto PP-PSOE sería rara avis a nivel nacional, pero habida conta da situación extraordinaria… As cúpulas dábanlle liberdade aos número un para os acordos. Pero pasou o que pasou. Hai que explicalo pero sobre todo terían que explicalo aqueles que se negaron a facer o que horas antes dicían que ían facer", responde.
A decisión de Baltar de continuar como líder do PP pronvicial tamén ten moito que ver coa decisión de Manuel Cabezas de continuar como líder da oposición na cidade. Aínda que a palabra "traizón" non está no "vocabulario político" de Baltar, o certo é que o feito de que os dous dirixentes teñan decidido continuar nos seus cargos, a pesar de anunciar que ían marchar, amosa que a situación do PP de Ourense é, cando menos, convulsa.
"NON HAI CRISE"
E, mentres, a dirección do PPdeG tenta capear o temporal como mellor pode. O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, rexeitou que exista un conflito entre a dirección galega e o presidente da formación na provincia de Ourense.
Preguntado respecto diso este luns, Pero Puy sostivo que el non é "quen" de opinar sobre o que "pode facer Baltar" ou o que deben de facer os seus compañeiros do PP de Ourense, pero subliñou que non cre que "haxa ningún conflito".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.