Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/01/2024 | Actualizada ás 14:00
Hoxe temos unha nova 'Galicientífica', Olalla López-Costas, profesora de arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, que recibiu unha das axudas máis importantes no ámbito de investigación, a Consolidator Grant do European Research Council por valor de dous millóns de euros. Ademáis, esta é a primeira axuda ERC concedida ás universidades galegas na área de Humanidades. O proxecto que leva a cabo chámase 'PollutedPast' e pretende estudar a contaminación ambiental por metais a través da análise de restos humanos arqueolóxicos.
Segundo nos explica esta cienfitica, o que máis desexa no seu campo, a arqueoloxía, é mellorar o futuro empregando o pasado, é dicir, o que xa se coñece, e facelo desde a nosa comunidade, Galicia. "No lado máis persoal, gustaríame acadar tranquilidade para facer o que quero, as veces na investigación en España hai demasiado ruído que non nos permite avanzar", comenta Olalla.
MULLERES E CIENCIA
Nesta sección queremos coñecer de primeira man como é a situación da muller neste ámbito, sobre isto Olalla cóntanos que case o 70% do seu entorno está conformado por mulleres pero que esta porcentaxe se reduce significativamente cando falamos de estabilizarse ou coordinar grupos. "Eu sempre digo de broma que dende fai anos somos referencia en Galicia no traballo con restos óseos arqueolóxicos porque os medios non atoparon a un home a quen referenciar". Expón que ten un punto de verdade, xa que no seu ámbito desde dentro e desde fóra se busca ao home líder. "Por iso non acadamos igualdade na consolidación da carreira investigadora" explica Olalla.
Olalla indica que os problemas principais neste campo veñen coa ambición científica. Sempre se califica ás mulleres con ambicións científicas de "problemáticas ou histéricas". Polo que é normal que moitas mulleres den un paso atrás para evitar sentir que son un problema. No seu caso, conta, que non lle daban un termo medio ou era problemática por defender a súa investigación ou era invisible. "Alégrome de ter escollido o primeiro", afirma con orgullo.
"Cando rematei a tese de doutoramento dixéronme directamente que como o meu mozo tiña traballo xa era hora de que me quedara na casa e que ocupase o meu sitio, o que incluía ter fillos", recorda. Naqueles tempos era claro que ser nai era o oposto a ser investigadora. Ademais outra cousa que tampouco se che permite é ter unha enfermidade crónica, tes estar sempre ao 100%. Como directora dun equipo, loito para que ser nai, ter unha enfermidade ou querer vivir no rural non condicionen o futuro das mulleres investigadoras", destaca.
Sobre se hai igualdade de oportunidades responde: "No meu campo as cousas feitas e ditas por homes teñen máis peso, dentro da academia e fóra dela. A nosa sociedade está agardando atopar a figura do arqueólogo traballando no campo, tipo Indiana Jones. Eu son muller, traballo principalmente no laboratorio e fago unha investigación interdisciplinar, polo que nunca encaixo de todo", lamenta a arqueóloga que aproveita para reclamar que "se chegase a unha igualdade onde nos tivesemos que sacrificar máis cousas ca eles polo que hai que apostar e pola equidade non pola igualdade".
DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
"Para min a clave para divulgar é facer unha universidade para todos onde participe a xente de dentro, alumnado e compañeiros, e a de fóra. Moderemos os academicismos e así xerar un ambiente universitario onde os investigadores e docentes nos escoitemos e desexemos transmitir o que estamos a facer a todo o mundo", esto considera Olalla que é a clave para poder divulgar ciencia a todos os ámbitos, tanto especializados como non. "Temos que crear unha cultura científica máis alá do “descubrimento”, onde a xente demande estar informada no día a día dun proxecto", reclama a investigadora.
Ademais da clave para expandir o coñecemento queremos saber tamén que papel poden xogar as redes sociais, un recurso que hoxe en día, está a disposición de todas as persoas, de case todas as idades. "As redes sociais son unha boa ferramenta máis que nos permite chegar á xente na súas casas. Aínda así eu abriría aquí dous debates, o primeiro sobre que se divulga nas redes sociais e o segundo, de onde sacamos o tempo e os medios" cóntanos Olalla e engade unha pregunta: "son os investigadores os que teñen que divulgar, de onde sacan ese tempo e os medios para poder levar a cabo ese traballo extra?.
SEMPRE QUIXO DEDICARSE A ISTO
Olalla sabe desde os 5 anos que quería dedicarse a isto, nunca tubo dúbidas. Á hora de facer a súa carreira postdoutoral recorreu moitas universidades pero segundo conta "a USC é a que ten máis potencial". "Aínda así gustaríame que se traballase máis por apoiar as persoas pola súa calidade en investigación e non por outros motivos como a política universitaria", expón a arqueologa.
"O mellor que ten a USC e un grupo de PAS (persoal de administración e servizos) en investigación que é magnífico. Hai tamén un servizo de infraestrutura técnica de investigación que é a envexa dos meus compañeiros de Estocolmo, pola infraestrutura pero sobre todo polos técnicos especialistas", presume. No eido dos colegas, afirma que ten sorte de estar nun departamento excelente que a acolleu cos brazos abertos. Pero recorda que no pasado moita xente lle fixo a vida imposible ata o punto de que desexara marchar. "A USC é un sitio bo para investigar, o peor que che pode pasar e topar con docentes e investigadores que non che deixen facer o teu traballo, neste caso pode ser o peor dos sitios", conclúe.
A ARQUEOLOXÍA GALEGA NUN NIVEL MOI ALTO
Outro dos puntos importantes é saber o papel de Galicia neste ámbito científico e as posibilidades que esta comunidade ofrece aos profesionais. "A arqueoloxía galega está nun nivel moi alto, somos referencia no resto de España" destaca Olalla. En concreto, neste eido, a arqueometría conta con grupos moi bos. "Penso que no futuro acadaremos mellores sinerxías, fáltanos falar máis entre nós", recoñece a profesional respeto destes grupos.
O papel da Xunta para Olalla xunto co do Estado, as fundacións e a Unión Europea é bo xa que lles axuda a facer boas investigacións. Aínda así, ela bota en falta as oportunidades para a estabilización. "Estaría moi ben que a Xunta crease una vía de estabilización do persoal de investigación máis senior para que non teña que emigrar e levar a formación que adquiriu aquí a outros lugares", lamenta Olalla quen tamén recoñece que "agardar ata os 40 para ter a seguridade de onde vas traballar ao ano seguinte non é o mellor para formar unha familia ou mantela".
Aínda con todo, a arqueologa cre que o que está a suceder en moitas ocasións é que as políticas pechadas dalgúns departamentos fan que moita xente boa estea a mudar da universidade ao CSIC. "A min mesma dixeronme nun departamento no que estiven fai un tempo, que alí so admitían á xente que fixera a tese con eles", recorda.
O SEU PROXECTO 'POLLUTEDPAST'
O proxecto que hoxe nos leva a querer saber máis de Olalla López é o denominado 'PollutedPast' que estuda os efectos da contaminación por metais que tivo lugar na antigüidade. A contaminación pareceulle un reto dende o principio porque como ela di "todos pensamos que é unha cousa recente e en realidade vén de acompañar ao ser humano case toda a súa historia". Por iso romper esas ideas preconcibidas pareceulle emocionante, e saber como lle afectaba a contaminación á xente normal fai séculos, resultoulle aínda máis. "Gústame moito coñecer como era a vida cotiá no pasado, non os grandes homes famosos, se non a xente normal, os enfermos, as mulleres e os nenos", explica.
A investigadora explicanos este proxecto da seguinte maneira. "Dende o primeiro momento que empezamos a explotar os metais para facer ferramentas ou adornos, enchemos o aire de elementos como o chumbo, o mercurio e o arsénico. Estes elementos son tóxicos para nós e afectan a toda a poboación, non só aos mineiros ou ferreiros". Polo tanto, este traballo vai permitir entender como afectaba esta situación ao conxunto da sociedade e sobretodo aos nenos e enfermos. "Queremos comprobar se a contaminación por metais no mundo romano na Península Ibérica, e no período viquingo en Suecia, puido ser tan intensa como a do século XXI, e vai haber moitas sorpresas", adianta a científica.
"Este é o proxecto da miña vida, o que sempre quixen facer, foi construído como unha carta aos reis magos e nel está todo o que sempre quixen", recoñece a arqueóloga. Ademais, con este proxecto poderá investigar sobre Galicia pero tamén sobre unha das súas recentes paixóns, as illas suecas do Báltico e a cultura nórdica. Aínda así sabe que isto non significa que logrou o mellor da súa carreira senón que espera que lle queden moitos éxitos por vir. "Nuns anos cóntovos o novo “proxecto da miña vida” que estea a desenvolver", dinos entre risas.
Finalmente analizamos o impacto actual e real que pode ter esta investigación na nosa sociedade. "Gústame pensar que o meu proxecto pode crear unha mensaxe de esperanza. A día de hoxe a contaminación do aire é un dos puntos centrais da estratexia de mellora do ambiente da Unión Europea no que se empregan millóns de euros para previr posibles escenarios futuros pero non se mira cara atrás para tomar referencias. Así o meu proxecto creará unha liña que permita á arqueoloxía axudar nas políticas medioambientais do planeta", conclúe Olalla López.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.