Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2023 | Actualizada ás 19:44
O presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luís Costa Pillado, fixo entrega da memoria de 2022 da institución ao titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, nun acto celebrado este xoves.
O pasado 16 de xuño, o Consultivo xa informou sobre esta memoria. En 2022 deu conta dun total de 492 expedientes, 70 máis que o anterior exercicio (un 14% máis), nun exercicio marcado polas reclamacións sanitarias por causa da covid.
O 70% dos ditames dos que se encarga o Consultivo ten que ver con reclamacións de responsabilidade patrimonial (341 expedientes), onde tivo especial presencia a covid con tres grandes grupos de asuntos: a responsabilidade patrimonial derivada da asistencia recibida, a que reclaman empresas polo peche de negocios e a que demandan contratistas e concesionarios a administracións pola suspensión dos seus contratos.
Do total de 492 expedientes, a Memoria 2022 do Consultivo recolle que 309 foron solicitados pola Xunta e 175 pola administración local. O resto son de entes públicos (4), universidades (3) e administración corporativa (1).
Respecto da administración local, a provincia de Pontevedra está á cabeza (73), seguida pola Coruña (56), Lugo (19) e Ourense (16), segundo os datos dados a coñecer este venres.
Entre os informes máis destacables do ano, o organismo consultivo refírese a a consulta realizada pola Xunta en relación coa ordenación do litoral, na que se conclúe que "non existe a necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía" para o traspaso competencial do dominio público-terrestre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.