Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 18:10
A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, defendeu a transferencia a Galicia das competencias en materia hidrográfica co obxectivo de poder levar a cabo o proxecto para o saneamento integral e a mellora das augas, unha das cuestións que, na súa opinión, deberían ser prioritarias para o Goberno.
Este venres, a candidata nacionalista visitou o Concello de Vilar de Barrio. Alí, Noa Presas aproveitou para sinalar a "anomalía" que supón que a xestión dos ríos ourensáns "se decida a 500 quilómetros de distancia", algo que se traduce en "obstáculos para a limpeza e uso" dos concellos, sendo unha cuestión "estratéxica para a prevención e atención á seca".
Así mesmo, durante a visita ao municipio ourensán, a candidata do BNG ao Congreso puxo en valor o traballo realizado polo equipo de goberno do BNG liderado por Manolo Conde durante este últimos catro anos. "Vilar de Barrio é o exemplo claro de que as cousas en Ourense están a cambiar e a cidadanía quere cambios en positivo. Fai catro anos o BNG conseguía a alcaldía deste concello, gobernado desde sempre polo PP e nestas últimas eleccións as veciñas volveron confiar no proxecto que defendemos no BNG", destacou.
Neste sentido, a candidata nacionalista sinalou que entende a campaña do 23J como "unha oportunidade histórica para que Ourense poida ter unha voz forte no Congreso, da man do BNG", e romper definitivamente con "o bipartidismo clásico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.