Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2023 | Actualizada ás 18:36
O deputado do BNG no Congreso e cabeza de lista pola provincia da Coruña, Néstor Rego, animou a exercer un voto "en clave galega" o próximo 23 de xullo porque "cun BNG determinante no Congreso, quen gaña é Galicia".
Nun mítin este domingo en Rianxo, Rego tratou de convencer de que o BNG é a única forza que "verdadeiramente defende os intereses de Galicia". "Queren facernos crer que hai que votar polo bloque de Sánchez ou o bloque de Feijóo e o voto útil en Galicia é o do BNG", afirmou Rego.
En fronte, situou aos partidos estatais que, segundo apuntou, "estiveron de mans atadas, tan atadas que mesmo votaron en contra de iniciativas básicas para a defensa de Galicia cando os seus partidos daban orde de facelo así".
Neste senso, Rego enumerou algunhas das propostas do BNG na defensa dos intereses galegos que se atoparon co voto en contra de deputados galegos doutras forzas como iniciativas "na mellora e modernización de infraestruturas básicas para o país ou de orzamentos básicos para o desenvolvemento do sector industrial".
Por todo isto, Rego criticou que nesta campaña se queira " facer crer" que a única opción é votar "polo bloque de Sánchez ou polo bloque de Feijóo", cando durante estes catro anos "o verdadeiramente útil para Galicia é o BNG, o que defende os intereses e busca solucións para os problemas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.