Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2023 | Actualizada ás 17:02
O Diario Oficial de Galicia publica este martes a resolución pola que se convoca o XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas en Ourense os días 22 e 23 de setembro. O día anterior reunirase a Comisión delegada deste órgano co obxectivo de pechar o período anterior.
Diso informou a Xunta nun comunicado, no que destaca que o Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo dos galegos do exterior a través das entidades asentadas fóra de Galicia que teñen a condición de "comunidade galega" no Rexistro da Galeguidade.
Ao longo deste encontro, realizaranse diversas palestras que centrarán as xornadas de traballo. Os debates versarán sobre os ámbitos da galeguidade, a cultura, o ámbito social e o retorno. Os Consellos de Comunidades Galegas desenvólvense ao longo do tempo en diferentes lugares, sempre en países nos que hai comunidades galegas como Cuba, Arxentina, Uruguai e, por suposto, Galicia.
Un centenar de representantes de entidades galegas expandidas por todo o mundo reuniranse para analizar a situación da colectividade galega do exterior e as súas necesidades, así como o papel da Xunta no apoio a estes centros para a promoción da cultura e a lingua galega no mundo, nunha cita, que se celebra cada tres anos desde fai máis de tres décadas. Tamén se falará ao longo destes dous días da orientación futura das políticas de retorno que facilitan o regreso dos galegos do exterior a Galicia.
A COMISIÓN DELEGADA
Pola súa banda, a Comisión Delegada, segundo publica tamén este martes o Diario Oficial de Galicia, reunirase o día previo ao comezo do Consello, o 21 de setembro, en Ourense.
A Comisión é o órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade, e está conformada por doce entidades, catro representando aos galegos de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outro catro que representan aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. A estas hai que engadir as entidades que teñen o carácter de membros natos por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.