Estados e aseguradoras: quen é responsable de retirar un barco á deriva despois dun accidente?

O caso do pesqueiro burelés 'Nuevo San Juan' que ardeu en augas do Gran Sol o 2 de xullo abre o interrogante de quen ou que estamentos se fan cargo dun accidente así en alta mar. No caso dos estados, só interveñen en ocasións moi contadas e o resto de accidentes son responsabilidade das aseguradoras especializadas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 16/07/2023 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

O barco 'Nuevo San Juan' comezou a ser remolcado o 12 de xullo de 2023 sen ter aínda certeza de cal será o seu destino final. A información aparecida ese día sinalaba que desde a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP 7) non se tiña coñecemento do rumbo que tomaría mais había tres posibilidades: Galicia, Asturias ou Euskadi. En tal caso, a compañía aseguradora do barco é quen está realizando os trámites para levar o buque (moi danado) a porto onde posiblemente sexa enviado a seccións de despedazamento, todo despois de algo máis dunha semana á deriva no Golfo de Biscaia.

03/07/2023 Incendio del 'Nuevo San Juan' SOCIEDAD ESPAÑA EUROPA GALICIA ECONOMIA OPP-7 PUERTO DE BURELA
03/07/2023 Incendio del 'Nuevo San Juan' SOCIEDAD ESPAÑA EUROPA GALICIA ECONOMIA OPP-7 PUERTO DE BURELA

INICIOS DAS PESCUDAS

A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) é o organismo  que está investigando o sucedido no 'Nuevo San Juan', informan fontes do MITMA a Galicia Confidencial. O Ministerio de Infraestructuras, Transportes, Movilidad y Agenda Urbana é o responsable das Capitanías Marítimas quen levan as revisións técnicas dos barcos.

O CIAIM “está aí para determinar cales foron as causas, en que lugar do barco comezou o lume e redactar un informe, non é un organismo punitivo que busca culpables, só determinar onde e por que houbo un incendio” di Carlos Tubio de UGT Mar. Porén, mentres o barco estivo á deriva, as autoridades francesas tiveron monitorizado o buque do que fuxiran xa os seus quince tripulantes.

“Nestes momentos non se pode especular con causas, as investigacións son como en terra, o xuíz investiga e ninguén pode entremeterse, o mesmo pasa aquí, haberá que esperar un informe” di Francisco Pena de CCOO Mar. “Un incendio abordo é un perigo moi elevado pois á tripulación só lle queda saltar”.

Sobre se as inspeccións previas Capitanía Marítima antes de que o barco saíse ao mar, desde o MITMA apuntan que: “respecto a se o barco tiña o visto e prace de Capitanía, si. O barco pasou a inspección recentemente e non tivo ningún inconveniente técnico para o seu despacho”.

QUEN REMOLCA O BARCO?

As aseguradoras dos barcos son as encargadas de realizar os trámites para o remolque en caso de accidente. Os armadores asumen os custos que despois devolverán as compañías aseguradoras, mais “seguramente o seguro lle dea mil voltas” antes de pagar. Aínda así, que poden facer os países cos seus servizos de salvamento e seguridade marítima? “Interveñen cando hai perigo de contaminación no mar ou un perigo semellante” di José Manuel Blanco de UGT.

O 'Nuevo San Juan' botou máis dunha semana sen rumbo no mar maioritariamente dentro de augas francesas. Así e todo, e mentres xa vén remolcado cara augas españolas, os días que pasou aboiando en solitario posiblemente son unha consecuencia das cuestións burocráticas para asumir responsabilidades, indemnizacións e competencias.

Se o barco estivese nunha área onde se sobrepoñen as augas territoriais dun país coas doutro, “os estados negocian entre si quen actúa en caso de perigo por contaminación, nun caso coma este é quen leva o seguro da nave” di Blanco. No caso de que España ou Francia asumisen a retirada do buque con medios públicos, tamén cobrarían ao seguro por este traballo.

As investigacións da CIAIM e posiblemente do asegurador da armadora, determinarán cales foron as causas do lume no pesqueiro burelés. “Moita xente desde A Mariña faloume de que era dos mellores barcos do porto de Burela e a súa armadora prestaba moita atención ao seu coidado” di Xabier Aboi de CIG Mar.

Un desafortunado accidente que non causou vítimas entre a tripulación, mais fai pensar na seguridade dos barcos de pesca, quizais os máis expostos a sufrir sucesos como o do 'Nuevo San Juan'. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta