Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2023 | Actualizada ás 14:36
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pediu a dimisión da concelleira do BNG do municipio pontevedrés da Estrada, Vanesa Iglesias Casal, por comentarios en redes sociais sobre o aborto sufrido esta semana pola presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso.
En concreto, Iglesias Casal respondeu nunha información compartida polo xornal HuffPost, onde se informaba do ocorrido, cun comentario no que podía lerse: "Nin o bebé quere ser o seu fillo.". "Se Ana Pontón non pide a dimisión desa concelleira, entón é cómplice desas palabras", reprochou a secretaria xeral dos populares galegos.
Así mesmo, Prado, que visitaba este sábado o Mercado do Calvario, en Vigo, xunto a candidatos ao Congreso e ao Senado pola povincia de Pontevedra, criticou do BNG o seu "feminismo de pancarta e de slogan", pero non, engadiu, "en defensa dos dereitos da muller".
Neste sentido, lembrou o seu apoio á Lei do só si é si que "converteu os dereitos das mulleres nun paso atrás coa redución de penas a máis de 1.000 pederastas e agresores sexuais e a saída de prisión antes de tempo de 117 delincuentes".
A edil nacionalista da Estrada xa pediu desculpas nas súas redes sociais polo seu "desafortunado comentario", que considera "totalmente improcedente e fóra de lugar". Ademais, trasladou a Ayuso o seu desexo dunha "pronta e total recuperación" e, de novo, reiterou as súas "sentidas desculpas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.