Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/07/2023 | Actualizada ás 13:32
Grupo Hotusa rexistrou este ano o "mellor primeiro semestre da súa historia", cunha facturación de 637 millóns de euros, un 37% máis que entre xaneiro e xullo de 2022, e un incremento do 66% do resultado bruto de explotación (Ebitda), ata os 66 millóns de euros. Nun comunicado, a compañía destacou que supera "holgadamente e en todos os parámetros" os resultados do último exercicio prepandemia.
Sobre o segundo trimestre, as cifras arroxan un Ebitda de 68 millóns de euros, que supera nun 17% o seu mellor rexistro neste período que, ata a data, correspondía ao de 2022. Ademais, a facturación entre abril e xuño foi de 379 millóns de euros.
Para Grupo Hotusa, os "excelentes" resultados alcanzados adquiren "especial relevancia" ao rexistrarse nun contexto de notable incremento tanto dos custos de subministracións como de salarios e materias primas, o que "evidencia a óptima xestión xeral e de control de custos levadas a cabo". "Deste xeito, o 2023 vai camiño de converterse, en termos financeiros, no mellor ano da historia da compañía", resaltou no comunicado.
Ademais, o presidente de Grupo Hotusa, Amancio López Seijas, mostrou o seu "orgullo" por "uns resultados tan positivos", a pesar da pandemia do Covid-19 e, posteriormente, a guerra de Ucraína. "Sen dúbida o excelente traballo dos nosos equipos foi clave para alcanzar esta xesta", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.