O "erro" de McKinsey e Nomura ten un custo de 9.000 millóns de euros ao Estado; é dicir, aos contribuíntes. Cifra á que se poden restar os 1.003 millóns que pagará Banesco por NGBanco, cantidade que amortiza en cómodos prazos co último vencemento en 2018. Por riba —á vista dos beneficios obtidos por NGBanco (xa Abanca) no 2014, 1.200 millóns de euros— os 1.003 millóns terán un valor real inferior debido á inflación acumulada e á revalorización que experimenta a entidade.
A parlamentaria que se interesou por eses avatares calificou o episodio de «escandoaloso». ¡Inxenuidade política!, dito isto con todo o respecto e simpatía que inspira a súa iniciativa, pois grazas a ela temos coñecido o enésimo disparate da agonía, morte e enterro das caixas de aforros.
Inxenuidade política porque a actuación do Goberno non é un escándalo, senón unha barbaridade que esperta e xustifica a sospeita.
Alguén dubida de que a lei de fusión das caixas que no seu día foi cualificada de imprescindible foi outra operación estética para tapar as toneladas de "lixo” e falacias financeiras que agochaban os xestores de Caixa Galicia e Caixanova?
A estas alturas, crer o que din os irresponsables políticos a propósito das caixas e do banco herdeiro esixe fe. Moita fe.
A deputada Seara e os seus colegas adscritos aos partidos de oposición parecen empeñados en non chamar ás cousas polo seu nome e describilas como merecen. O cualificativo «escandaloso» para se referir ao agasallo que recibiu Banesco é equiparable a cualificar de travesura un homicidio.
McKinsey apostou polo desinvestimento acelerado porque é «a mellor estratexia posible, pois esperar ao ano 2015 podería erosionar significativamente o valor da entidade», segundo o Goberno de Rajoy.
A cousa é peor aínda, pois outra entidade privada, o BNP Paribas, acelerou o proceso de venda cun informe, tamén solicitado pola Administración española, no que tamén aconsella: adiante coa venda!
Escandaloso? Escandaloso, neste caso positivo, é saltar sobre a mesa de Mario Draghi durante unha rolda de prensa para dicirlle que non ten vergoña.
O cualificativo escandaloso soa a chiste para describir o acontecido.
Canta inxenuidade hai no Parlamento Galego! Ou será que a cordialidade entre os parlamentarios está por riba dos intereses do Estado e dos contribuintes?
8.000 millóns de euros botados ao mar… dunha entidade privada.
A fe nun Deus é comprensible, mais para ter fe no que din o Goberno de Rajoy non chega con pechar os ollos.