A que xogamos nos medios?

Ás veces, a hiperrealidade e as aparencias son tan atafegantes que un explota… O pasado martes ocorreu outra vez. Dun tempo acá, o cansanzo é case diario.

Por Félix Soria | A Coruña | 21/12/2020

Comparte esta noticia
Un tertuliano e experto en non sei que —non lembro a profesión do que opinaba nin a emisora— volveu á carga co mantra de que todos os gobernos, tanto o central como os autonómicos, actúan con autoritarismo extremo e que as restricións antiCovid constitúen un recorte inconstitucional dos dereitos de reunión e de libre movimento das persoas… 
 
O tipo conducía a toda velocidade e engadiu o de “pobrecitos hostaleros” aos que machucan e arruínan as autoridades. Si, como vostede le: todos os gobernos —menos o de Madrid, por suposto— impoñen medidas ao chou, para foder que se di en confianza. 
 
As decisións que adoptan as autoridades —sempre segundo os expertos dese “corrente político-moral”— son alleas ás decenas de miles de mortos e aos centos de miles de enfermos, entre os cales, por certo, hainos con secuelas para sempre. En resumo, segundo o “experto”, a pandemia non é para tanto e os partidos que gobernan utilízana de escusa…
 
A cousa non rematou aí, pois tras unha interrupción publicitaria o mesmo intervinte retomou a palabra para loar a toda a poboación “por cumprir todas as restricións”, textual, o que demostraría que o becho non só viaxa cos aerosois —engadiu— senón que ademais estes non constitúen a principal vía de contaxio; é dicir, o 99 % de epidemiólogos e científicos en xeral están equivocados… 
 
En fin, tantas eran as parvadas que releguei o debate radiofónico á calidade de soniquete e seguín navegando pola Rede, lendo informacións de maior interese e opinións sensatas. 
 
[Pausa para precisións e consellos non comerciais, o artigo volve unhas liñas máis abaixo:
Coido que é obrigado puntualizar que a emisora que difundía as simplezas descritas non podía ser a pesar de parecelo a COPE nin esRadio, pois non sintonizo esas e outras emisoras de liña nacional-católica, sen menoscabo da súa lexitimidade. As emisoras ou cadeas que sintonizo con asiduidade son R5 “todonoticias”, :Los 40 e a de RNE de música clásica no coche e en casa, case sempre ante a pantalla e o  teclado —alomenos tres 3 horas diarias— ou cando teño que xantar, merendar ou cear só, a SER, o programa de Julia Otero (Onda Cero), Cuac FM e noticias da Galega. Que así conste para mellor discernimiento e proba de que os voceiros das pseudociencias e as conspiracións, os bulos e as simplezas políticas cóanse por todas as partes] 
 
Empecei o artigo lamentándome de que hai días en que a hiperrealidade e as aparencias son tan atafegantes que un explota… E o pasado martes ocorreu cando mentres escoitaba as alegacións do “experto” en pandemias, socioloxía, gobernación, etc. e etc., recalei nesta información vía internet:
«O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, pediu este martes desde a mesa do Consello de Ministros "prudencia e tranquilidade" ao redor da monarquía e á posibilidade dunha reforma constitucional sobre o modelo de Estado, así como sobre as valoracións en torno ao comportamento do rei emérito. «Campo, en ton serio, asegurou que neste debate está a falarse sobre a idea do noso modelo de Estado e afirmou: "E isto é un arco de bóveda do que podemos quitar unha peza e que se derrube todo"». 
 
Máis claro: o ministro opina e á vez recoñece que o réxime democrático e o propio Estado español son tan débiles que a democracia e a estabilidade das institucións dependen —subliño e saliento o “dependen“— de que a familia Borbón ostente a xefatura do Estado… 
 
Escribo este texto 48 horas despois de coincidir as bobadas do “experto” e a inquietante revelación do ministro e en case todas as emisoras de TV e radio aumentan as noticias e opinións sobre as restricións antiCovid, ca difusión de simplezas semellantes ás  relatadas e pola contra, manda carallo!, cas que nengún medio nin analista “orgánico” considera destacable que a estabilidade social e económica do país a das nosas vidas dependan de que siga coroada a cabeza do Borbón de quenda… ministro dixit. 
 
Os medios tamén poden ofrecer entretemento, ninguén o dubida e mesmo é san que o fagan, pero nada xustifica difundir bobadas, debater naderías cal asuntos serios, dar pábulo a idioteces e, en paralelo, lavarse a lingua e as teclas en asuntos e situacións como a exposta con inquietante brevidade polo titular de Xustiza. 
 
Manda carallo!, a que xogamos nos medios? 
 

Radio.
Radio.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/