Proba da importancia do proxecto son os dous millóns de euros ca Xunta investirá para compensar o esforzo das emisoras e xornais que teñan a honra de ser elexidos.
O feito de que Núñez Feijóo teña decidida a convocatoria diante das urnas non é o máis salientable da nova, pois non é a primeira vez que a providencia emparella a vontade de arranxar un problema cunhas eleccións (outras cousas non, pero na Galicia están normalizadas as casualidades). O máis salientable da nova é o obxectivo.
Segundo o anuncio oficial, a Xunta investirá eses dous millóns en demostrar que Galicia «é unha terra na que confiar, tanto pola calidade das súas xentes, como pola calidade e capacidade competitiva…»
A campaña é revolucionaria, pois o beneficiario desa promoción da economía galega é a poboación galega, que na súa maioría ignora as avantaxes de vivir nun país onde as oportunidades de arranxar o futuro que teñen os asalariados, autónomos e empresarios se contan por milleiros, segundo terían comprobado os expertos do Goberno que preside Feijóo.
De feito, eses galegos que sinalan ás urnas para explicar a decisión de investir eses dous millóns e negan a providencia como creadora das casualidades, constitúen o sector da poboación máis necesitado de recibir información do futuro que lles espera na porta das súas casas.
As emisoras e xornais elexidos, coa RTVG á fronte, non aforrarán coñecementos científicos, económicos, históricos, sociolóxicos, culturais e tamén xeolóxicos para demostrar que os cidadáns que emigran na procura de traballo e oportunidades o fan porque son espíritos aventureiros.
Que vexamos con claridade o erro de quen se deixa levar polo seu espírito aventureiro require ductilidade, motivo polo que compre dar por seguro que o Consello da Xunta confiará nos medios que xa demostraron ter esa propiedade [a dos metais que se deforman sen romper] co gallo do baleirado e afundimento das caixas de aforros, por poñer un exemplo…