Por E.P. | Cobas (Ferrol) | 26/07/2023 | Actualizada ás 16:40
Ferrol en Común pediu ao alcalde da cidade, o popular José Manuel Rey Varela, que "non descoide" aos ferroláns co seu nomeamento como senador por designación autonómica e lembra que a cidade "necesita dun compromiso político forte e a tempo completo".
Nun comunicado remitido aos medios, Ferrol en Común sinala que o sistema parlamentario actual merece unha profunda revisión, pois a Cámara Alta a día de hoxe ten un papel "máis simbólico que real" no sistema lexislativo do Estado.
"Non imos entrar a valorar a decisión interna doutro partido político pero si a forma de designación autonómica sen ningún tipo de mandato popular, unha cuestión que non concorda cos nosos postulados políticos e que motiva, unha vez máis, a profunda reforma necesaria da que falamos no parrágrafo anterior", sinala.
Con todo, Ferrol en Común desexa que esta etapa que abre o actual alcalde de Ferrol "non descoide os intereses dos ferroláns" e que non supoña a súa ausencia na cidade por ocuparse doutros asuntos que non sexan locais, cuestión para a que recueda que foi elixido.
SERVIZOS DE ROZAS
O concelleiro de Medio Ambiente, Servizos, Zona Rural e Obras de Ferrol, José Tomé, anunciou esta mañá que se declarou a emerxencia para proceder á contratación dos traballos de roza de parcelas e vías municipais na zona rural por un importe que supera os 250.000 euros.
O edil xustificou a decisión en que a época de perigo alto de incendios abarca desde o 1 de xullo ao 30 de setembro e que é necesario "xestionar de maneira correcta a biomasa das redes de competencia municipal para minimizar os riscos".
Así, José Tomé incidiu en que o risco de incendios forestais nas vías e parcelas municipais atópase en "niveis non permisibles", polo que, di, o executivo local actuará "de emerxencia para reverter esta situación", á vez que se mellora a seguridade viaria e da cidadanía.
Por outra banda, o goberno local tamén anunciou que está en tramitación a construción de 54 nichos no cemiterio municipal de Catabois e que se prevé a ampliación do camposanto, posto que case a totalidade das 16.000 sepulturas existentes están ocupadas. O concelleiro adiantou que esta ampliación estará contemplada nos orzamentos de 2024, xa que, sinalou, "trátase dun proxecto moi necesario e urxente".
Tomé explicou que con esta ampliación preténdese, ademais de dar resposta a unha demanda social, "frear o feísmo que supón construír filas de nichos en zonas verdes", por iso é polo que a solución proposta sexa a de seguir o esquema actual de rúa central e nicho en fila de tres alturas a dúas caras con amplas zonas axardinadas e beirarrúas perimetrales.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.