Irán e a crise dos mísiles de Cuba

Cavilando estes días a propósito do affaire nuclear iraniano, do preacordo acadado hai uns días na cidade suíza de Lausana entre Estados Unidos, as potencias do denominado como Grupo 5+1 (os cinco membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU: Estados Unidos, Rusia, China, Francia e Reino Unido máis Alemaña) e a república islámica de Irán, e do posible acordo final, veume a cabeza un episodio histórico que con seguridade os norteamericanos aínda pasados xa tantos anos, non esqueceron. Estoume a referir a coñecida como a “crise dos mísiles en Cuba”. Cando no mes de outubro de 1962, os EE.UU, presidido daquela por John F.Kennedy, descubriron que a Unión Soviética estaba a despregar mísiles nucleares na illa do Caribe. Cal foi a contundente e xustificada reacción norteamericana é algo ben coñecido por todos e non cuestionado por ninguén, agás claro por nostálxicos da CCCP.

Por Pedro G.-Valadés | Vigo | 23/04/2015

Comparte esta noticia
Escoitamos e lemos estes dias moitas críticas e fundamentalmente, moitísima incomprensión desde a Administración Obama, chancelerías europeas e desde grande parte dos medios de comunicación, sobre a cualificada como intransixencia e inflexibilidade seica pouco diplomática de Israel fronte a prevista sinatura dun acordo nuclear con Irán. Honestamente non sei porque resulta tan difícil de entender que alguén que está a ser ameazado reiteradamente de morte, teña reparos en que ese potencial “asasino” adquira o arma que poida facer efectiva esa ameaza mortal.
 
Hai uns días liamos tamén a nova da posición que sobre o tema fixo pública a centroesquerda israelí, o denominado Campo Sionista liderado polo laborista Itzjar Herzog e a centrista Tzipi Livni, no que piden que calquera acordo con Irán contemple o dereito a actuar de Israel e das potencias occidentais no caso do incumprimento por parte de Irán do pacto asinado. Algo que pretende evitar outro acordo como o asinado no seu día con Corea do Norte e que dúas décadas despois é simple papel mollado, non sendo quen de evitar o acceso do delirante réxime stalinista norcoreano ao arma nuclear. A posición manifestada pola esquerda israelí amosa a unidade absoluta que entre a cidadanía israelí existe á hora de valorar e enfrontar o perigo existencial que para o pequeno estado xudeu representa un estado islámico de Irán en posesión da bomba nuclear. Sen dúbida o medo é transversal e con certeza a gran maioría da poboación árabe-israelí comparten ese mesmo temor.
 
Agardo, desexo e confío en que nunca xamais sexa necesaria ningunha guerra nin acción militar derivada do incumprimento do previsible acordo por parte da república islámica de Irán. Pero sen esa capacidade de presión, e xa levantadas as sancións económicas, moito me temo que a tentación para o réxime dos aiatolás de dotarse da bomba nuclear será demasiado forte e imposible de refrear pola súa parte. E iso será un absoluto e total desastre, non só para a rexión, tamén para o mundo no seu conxunto. Certamente a vía diplomática elixida para tentar resolver o problema nuclear iraniano é sen dúbida a correcta, porque o enfrontamento tería moitas consecuencias dolorosas para todos. Pero a diplomacia é a vía correcta se persevera ate acadar os seus obxectivos. Que ninguén considere esta reflexión miña coma belicista, todo o contrario, o belicista será non tentar por remedio a escalada nuclear antes de que sexa demasiado tarde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA