Verónica Codesal lanza o seu disco '100 voltas', "un traballo persoal no que está a muller"

Colaboran nel Lucía Aldao, Rosalía Fernández e Yolanda Castaño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2023 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A cantante belga e galega e líder do grupo Ialma, Verónica Codesal, lanzou o seu disco '100 voltas', no que colaboran os poetas Lucía Aldao, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño.

A artista presentou este xoves o seu último traballo na Libraría Couceiro, en Santiago de Compostela, un disco que contén 11 cancións inéditas que mesturan músicas tradicionais galegas e autorales. O disco está dispoñible nas versións física e dixital.

Na rolda de prensa, Codesal subliñou que "no centro deste proxecto", que se trata do seu traballo máis persoal, "está a muller". Así, tres poetas galegas, Lucía Aldao, Rosalía Fernández e Yolanda Castaño, participaron da súa elaboración a través de composicións e charlas coa cantante.

Codesal destacou que iniciou a elaboración de '100 voltas' no inicio da pandemia, a finais 2019. "Empecei coa pandemia, estaba con Ialma, era outra formación, eramos catro cantantes, e iamos facer o sexto disco. Pero, Marisol, unha das compoñentes, quedou aquí, atrapada co covid. Entón empecei a traballar neste novo proxecto para Ialma. Pero, dixeron elas, é tan bonito este proxecto que é o teu momento, tes que facelo ti, soa", indicou.

Deste xeito, Codesal explicou que empezou a buscar outros músicos para participar neste novo disco que é máis autoral. Os outros integrantes son os dous músicos belgas Didier Laloy, no acordeón; e Damien Chierici, en violín; ademais do músico togolés Boris Tchango, na percusión e batería.

A cantante e o seu grupo actuarán nas Festas do Apóstolo de 2023, na capital galega, o vindeiro domingo, día 30 de xullo, ás 21,30 horas na Praza da Quintana.

A cantante galega Verónica Codesal lanza o seu disco '100 voltas' en Santiago de Compostela. THALES VALERIANI
A cantante galega Verónica Codesal lanza o seu disco '100 voltas' en Santiago de Compostela. THALES VALERIANI | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta