Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/07/2023 | Actualizada ás 18:09
Doce persoas foron detidas en augas ao oeste de Cabo Verde tras interceptar un barco pesqueiro con preto de media tonelada de droga que se dirixía a costas españolas.
Tratouse dunha operación conxunta levada a cabo pola Brigada Central de Estupefacientes (Udyco) da Policía Nacional e do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria.
Precisamente foi o buque Petrel I deste organismo o que levou a cabo a abordaxe, e que agora arribou en Vigo na mañá deste pasado luns ao peirao de Transatlánticos con preto de media tonelada de cocaína interceptada no pesqueiro.
Ademais, o patrulleiro utilizado pola Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira tamén traía consigo a Galicia aos detidos no pesqueiro, que acabou afundido no Atlántico tras sufrir varias vías de auga (probablemente provocadas para desfacerse da droga).
Fontes coñecedores dos feitos confirmaron a Europa Press que foron ata 12 os detidos na operación, que está liderada pola Policía Nacional, permitindo atopar o barco antes da súa chegada a territorio español.
Agora os 12 detidos pasarán a disposición da Audiencia Nacional en Madrid. Polo momento, continúan en dependencias policiais en Vigo, pero serán trasladados á capital para pasar alí a disposición xudicial.
Será o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional quen lles tomará declaración, co maxistrado Ismael Moreno á fronte, o mesmo que investiga a causa do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', naufragado en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.