Denuncian a "presión sen escrúpulo" do "lobby eólico" á xustiza pola paralización de megaparques

ACOUGA acusa ás empresas de tentar impoñer o seu modelo “colonial” de negocio fronte aos intereses da cidadanía.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/08/2023 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) rexeita os ataques e as presións da Asociación de Empresas Eólicas (AEE) á Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) polas sentenzas contrarias á instalación de determinados parques eólicos e as medidas cautelares que nos últimos meses paralizaron varios proxectos semellantes.

Aeroxerador de Greenalia.. GREENALIA
Aeroxerador de Greenalia.. GREENALIA

Nun comunicado, en resposta a outro difundido pola Asociación Eólica (AEG), ACOUGA cualifica de “lamentábel espectáculo as mentiras e a falta de respecto” á Administración de Xustiza en Galicia por parte da citada entidade empresarial. "Con esta campaña, e coa axuda da Confederación de Empresarios de Galicia, sindicatos como CCOO e UGT e determinados voceiros mediáticos, a patronal eólica tenta apremar sen escrúpulos á Xustiza e poñela do lado da subxectividade, da desaquelada vontade de beneficio e da inxustiza, no canto da obxectividade e imparcialidade que lle cómpre nun Estado de Dereito”, asegura a Asociación.

ACOUGA explica que as asociacións e colectivos que cuestionan “o modelo eólico de explotación colonial imperante en Galicia” sufren “a inxustiza do silencio administrativo como única resposta”, e vense obrigados a defender os seus lexítimos dereitos perante o TSXG, fronte a unha Administración galega “xorda que só actúa en perfecta irmandade co lobby eólico e nunca ao servizo da cidadanía”. 

TRUCOS PARA SALTAR A LEI

A Asociación Galega de Conumidores e Usuarios recorda que a norma xeral dos polígonos autorizados pola Xunta de Galicia “é o fraccionamento fraudulento para evitar un procedemento de impacto ambiental máis rigoroso e eficiente, de xeito que os únicos informes aceptados son os que presentan as empresas, que son aprobados sen sequera ser comprobados” polo órgano da Xunta que elabora as declaracións de impacto ambiental. 

Tamén é causa de nulidade administrativa a acumulación de sinerxías ambientais entre diferentes parques que, na práctica, haberían constituir un único proxecto, engade no seu comunicado.

Por último, precisa que moitos proxectos son expostos á cidadanía sen contar cos informes sectoriais preceptivos, polo que existe vicio de nulidade que se alicerza non xa na lei galega ou estatal, senón na lexislación europea. “Velaí outra causa de nulidade que vai operar máis e máis nos meses vindeiros”, anuncia ACOUGA.

A entidade reitera o seu convite a un debate público, aberto e con datos obxectivos, fóra de especulacións subxectivas, no que se analice diante da sociedade galega o procedemento de aprobación dos parques eólicos. “A patronal eólica di que son transparentes e rigorosos. Nós cualificámolos de obscuros, trapalleiros, parciais e, en moitos casos, achegándose á prevaricación administrativa”.

A Asociación reitera o seu “absoluto respecto” ao Poder Xudicial, ao acatamento das sentenzas e autos, ás institucións democráticas e ao Estado de Dereito e esíxelles ese mesmo respecto a cantos agora se empeñan en atacar as súas resolucións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta