Meteogalicia asegura que o mes de xullo foi seco e con temperaturas normais

O valor medio das temperaturas máximas foi de 24,4 graos, e o das mínimas de 12,7.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2023 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou un mes de xullo seco e con temperaturas normais para este período, segundo conclúe o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Tal e como trasladou a Xunta, o documento destaca que este período se caracterizou pola presenza dunha zona de aire frío en capas medias e altas da atmosfera no Atlántico norte que impediu que o anticiclón se movese cara ao norte, deixando a Galicia en zonas intermedias, con máis predominio anticiclónico, pero con achegamentos frecuentes de frontes atlánticas febles e sen aproximacións de masas de aire norteafricanas.

Con datos recolleitos nas 11 estacións meteorolóxicas representativas da comunidade, a anomalía media da temperatura do mes pasado foi de 0,2 graos, o que fai que xullo poida considerarse como normal no conxunto de Galicia. En concreto, o valor medio das temperaturas máximas foi de 24,4 graos, rexistrándose os valores máis altos nas ribeiras do Sil, no Miño ourensán e na comarca de Verín, onde se chegaron a conseguir os 31,6 graos.

Pola contra, os valores máis baixos déronse nos puntos máis elevados das serras de Queixa e do Eixe, nas que roldaron os 16 graos. En canto ás temperaturas mínimas, a media foi de 12,7 graos. Os valores máis baixos rexistráronse nas serras de Larouco, Queixa e Eixe (6,7 graos) e os máis altos en varios puntos do litoral, con ata 17,6 graos.

MES SECO

No apartado de precipitacións, a anomalía media, obtida en base aos rexistros de 16 estacións meteorolóxicas significativas, foi un 43 % inferior ao valor climático normal, polo que o pasado mes de xuño pódese considerar seco. Deste xeito, a precipitación media acumulada foi de 23 litros por metro cadrado (l/m2), rexistrándose os valores máis elevados en áreas do oeste da provincia da Coruña con ata 145 l/m2, seguidas de áreas do suroeste desta provincia e do noroeste de Pontevedra, con preto de 100 l/m2. Pola contra, en puntos das comarcas ourensás de Verín e Viana localmente houbo entre cero e un l/m2 .

Varias persoas pasean pola praia de Silgar en Sanxenxo
Varias persoas pasean pola praia de Silgar en Sanxenxo | Fonte: Álvaro Ballesteros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Bocixa

Pois aquí , por terras larachesas, chou algo tódolos días, pouco kordés e moito borraxos. Debemos de vivir noutro mundo