A primeira moción de censura tras o 28M planea sobre O Irixo: Xuntos e PSOE arrebatarán a Alcaldía ao PP

Chegan a un acordo para repartirse o bastón de mando, que Susana Iglesias (Xuntos) terá tres anos e Iago Fariñas (PSOE), os restantes.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/08/2023 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A primeira moción de censura do mandato planea, cando aínda non se cumpriron dous meses da toma de posesión dos rexedores posterior ás eleccións do 28 de maio, sobre o municipio ourensán do Irixo, onde Xuntos polo Irixo e PSOE prevén impulsar unha moción de censura para arrebatar a Alcaldía ao popular Manuel Cerdeira.

Cerdeira volveu tomar posesión como rexedor o pasado 17 de xuño, pero en minoría e co apoio de 4 edís, fronte aos cinco que sumaban os tres concelleiros de Xuntos polo Irixo, con Susana Iglesias como candidata, e os dous do PSOE, con Iago Fariñas de portavoz. Fontes consultadas por Europa Press ratificaron que, desde o resultado das pasadas eleccións e ao entender que os veciños apoian maioritariamente "un cambio" na Alcaldía, houbo conversacións entre os dous grupos.

Antes da toma de posesión de xuño non foi posible alcanzar un acordo, que agora si fraguou. En termos xerais, Xuntos e PSOE prevén impulsar unha moción de censura tras articular un acordo de coalición no que se reparten o bastón de mando: tres anos do mandato terao a candidata de Xuntos e o restante, Iago Fariñas. Os detalles do acordo que asinarán os agora grupos da oposición e que dará pé á moción de censura daranse a coñecer, previsiblemente, o venres, data na que podería materializarse a presentación da iniciativa censora.

O PP CARGA CONTRA O ACORDO


Cerdeira tomara posesión como alcalde en agosto de 2019, tras o falecemento do seu antecesor, o tamén popular Manuel Penedo, despois de máis de 30 anos á fronte do municipio. Despois de transcender o acordo de Xuntos e PSOE, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, remitiu un comunicado no que define o pacto como o reflexo "dunha triste loita de poder, unha repartición de cargos e de postos". "Cuestións que hai que pór, sempre, por detrás dos veciños, sen priorizar nunca temas persoais ou partidistas", esgrimiu.

Para Baltar, os edís que asinen terán que "explicar" esta moción de censura, que "apenas dará a metade dos 100 días de cortesía tradicionais da democracia e, por suposto, non dará oportunidade ao goberno para poder desenvolver o programa apoiado de forma maioritaria polos veciños". "Este acordo de intereses persoais demostra que, ou ben os grupos da oposición equivocáronse ao non porse de acordo antes da constitución dos concellos ou que o erro vén agora", esgrimiu, antes de concluír: "Sentímolo polos veciños do Irixo". "Creo sinceramente que esta moción profundará nunha cuestión: para que nos presentamos aos comicios uns, e para que se presentan outros", resolveu.

Manuel Cerdeira, alcalde do Irixo
Manuel Cerdeira, alcalde do Irixo | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta