Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/08/2023 | Actualizada ás 20:11
En plena onda de calor, a cidade de Ourense alcanzou a máxima temperatura de todo o verán: 42,5 graos, segundo os datos recolleitos por Meteogalicia nunha das estacións da cidade das Burgas. A cifra marca o récord no que vai de verán e produciuse pasadas as 17.20 horas, cando tamén no concello ourensán de Leiro roldaban os 41,6 graos, mentres que outra estación ourensá, o Concello en Vilamartín de Valdeorras e Ribas de Sil superaban os 41 graos.
Así pois, como xa é costume en toda a provincia ourensá, pero en especial na capital, os ríos e as piscinas foron os refuxios que buscaron os ourensáns, que ademais se atoparon coa boa noticia de que a Xunta reactivou os servizos de autobuses ás piscinas de Monterrei, despois das restricións pola pandemia e pola remodelación do recinto, o que fixo que ademais as piscinas desta contorna sexan gratuítas este verán.
Ese traxecto entre a cidade e as piscinas de Monterrei realízase tres veces ao día con ida e volta, e nos tres foron numerosos os veciños que se aproximaron ata as instalacións. Pero non son as únicas piscinas que se converten en aliadas fronte á calor. En Oira xa non é necesario facer reserva previa para poder acceder desde este mesmo martes. Segundo o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, porque a apertura das piscinas de Monterrei "aumenta a oferta na urbe", reducindo así "o risco de aforamento completo".
Para aqueles que non quixeron ou non puideron desprazarse, as augas do río Miño ao seu paso pola capital ourensá foron o lugar elixido para gozar dun mergullo nunha praia fluvial; e para os máis pequenos, os parques infantís con áreas de xogos acuáticos foron os seus pequenos oasis. Agora, as recomendacións para soportar a onda de calor repítense: evitar a exposición ao sol, beber auga sen esperar a ter sede e buscar lugares frescos. Ademais, desaconséllase facer deporte ao aire libre ou realizar exercicios prolongados.
MÁXIMAS ATA A DATA
Os 42,5 graos rexistrados na tarde deste martes supoñen un rexistro histórico para a cidade nestas datas, aínda que non en toda a tempada estival, xa que o ano pasado, a 14 de xullo de 2022, Ourense alcanzou os 44 graos centígrados. Así a temperatura máxima chegou dentro dos niveis de risco que a Xunta de Galicia activou ata este mércores, atendendo entre outros puntos á previsión de Meteogalicia que daba para esta xornada máis sufocante con máximas de ata 40 graos na zona do Miño ourensán.
Para este mércores o aviso por calor descende a nivel amarelo e as temperaturas máximas na provincia de Ourense e no centro e sur de Lugo espérase que superen os 36 graos. Con todo, o episodio de calor extrema prevese que comece a remitir este xoves, cando, segundo os datos de Meteogalicia, os termómetros non superarán os 35 graos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.