54 anos consecutivos do Rally de Ferrol

A carreira da cidade naval disputarase esta fin de semana durante dúas etapas e descorrerá por varios municipios.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/08/2023 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

Chega o Rally de Ferrol, unha proba deportiva automobilística que se leva celebrando de maneira ininterrompida dende hai 54 anos. A proba está organizada pola Escuadra Ferrol e é puntuable neste ano 2023 para o Campionato de Galicia de rallys de asfalto.

A presentación da proba celebrouse no mediodía deste venres no Concello desta cidade, nun acto no que se deron cita o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o presidente da Escuadra Ferrol, Germán Castrillón, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, ademais do vencedor da pasada edición, Víctor Senra.

O rexedor destacou a tradición e relevancia deste rally, nacido no ano 1970, que contará con 86 equipos participantes, "nunha proba na que o Concello de Ferrol non pode deixar de estar presente prestando o seu apoio". Ademais, detallou que "é un orgullo que a cidade siga sendo un referente no mundo do motor que, como saben, conta cunha ampla afección na comarca", engadiu.

PERCORRIDO

Pola súa banda, Germán Castrillón agradeceu o apoio do Concello e do resto de institucións implicadas e das empresas privadas, así como de todas as forzas de seguridade, voluntarios, Protección Civil e pilotos e afección por contribuír ao mantemento desta cita.

Sergio Vallejo nun campeonato de Rally
Sergio Vallejo nun campeonato de Rally | Fonte: FB Vallejo Racing

A saída da primeira etapa producirase ás 16:00 horas do sábado, dende o podio situado na avenida de Esteiro en dirección ao parque de asistencia situado en FIMO, dende onde partirán cara aos tramos, concretamente dous a dobre pasada, como son San Sadurniño-As Somozas e As Somozas-As Somozas. O domingo pola mañá os vehículos partirán desde a zona do porto, para realizar dúas pasadas polos tramos de Irixoa-Monfero e unha por Monfero-Monfero.

O favorito para levar a vitoria é Víctor Senra, que competirá cun Skoda Fabia R5, mentres que o andorrano Joan Vinyes estará na saída cun Hyundai i20 R5.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta