Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 12/08/2023 | Actualizada ás 15:36
As festas de San Roque de Vilagarcía de Arousa arricaron a pasada noite por todo o alto: cun concerto do artista canario Don Patricio. Aínda que a competencia era forte, pois pouco lonxe de alí, no municipio do lado, Vilanova de Arousa, actuaba a orquestra Panorama, o parque vilagarcián da Xunqueira encheuse de mozos e mozas que agardaban ver a un dos seus ídolos de fai anos (xa leva tempo sen sacar temas novos que o peguen).
Pasaban as 23.00 horas da noite cando o logo de Don Patricio, unha especie de can raro verde, apareceu na pantalla do escenario e, pouco despois, fixo aparición o artista, que arrincou co tema 'Y a mí que?'. A euforia desatouse entre o público, pois o certo é que a visibilidade dende calquer parte do campo da festa era perfecta, e Don Patricia estaba moi preto dos fans. Ademais, os cañóns de fume apuntando directamente cara o ceo tamén fixeron as delicias de todo o persoal.
"É a primeira vez que visito Vilagarcía", recoñecía o artista, que se amosou moi agradecido pola oportunidade de inaugurar unhas festas de semellante índole, declaradas de Interese Turístico Nacional. En cada tema facía unha pequena introducción e interactuaba co público, algo que agradeceron moito todos os asistentes, pois non parecía que estivesen vendo a unha estrela ao uso, senón a un mozo canario que sabe grazas a quen chegou tan alto.
A noite, climatolóxicamente falando, deu un revés inesperado (os cambios de tempo repentinos xa parecen ser a tendencia deste verán) cando se puxo a chover. Pero nin así a xente abriu os paraugas: era tempo de festa, de bailar e 'se chove, que chova'. "Fai calor aquí, calor con chuvia", bromeaba Don Patricio dende o escenario vilagarcián, aproveitando o chiste para introducir o seu pegado tema 'Cambio de temperatura'.
"Os que viñestedes polo lado dereito do escenario, víchedes que teño aí aparcado o avión? E un avión rosa cunhas nubes azuis, e creo que se nos organizamos ben cabemos todos e podemos irnos para Benicasim", dicía como comezo doutro dos seus temas. Sen dúbida, as cancións máis esperadas foron aquelas que o ensalzaron á fama, 'Contando Lunares' e 'Pa' toa' la vida', que puxeron o peche a un concerto que durou unha hora, entre coros, berros e aplausos.
Tamén o hit que fixo con Bizarrap, na sesión 25 do megacoñecido produtor arxentino, foi estensamente coreada. E, como non, 'Comunicado de prensa', canción que o artista canario introduxo dicindo que "a ver quen se vai namorar este verán, coidado con que nos vos partan o corazón como a min". Finalmente, tamén cabe destacar 'Lola Bunny', o tema que compuxo xunto á súa ex parella, Lola Índigo, e que foi todo un éxito de verán fai cousa dun ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.