Por Europa Press / Redacción | Santiago | 14/08/2023 | Actualizada ás 20:08
A Xunta e os sindicatos alcanzaron un acordo con melloras das condicións laborais para uns 4.000 traballadores dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude. Entre elas, a regulación dos descansos e as vacacións, así como unha compensación económica por cada catro domingos ou festivos traballados, máis dous días adicionais de descanso.
A través dun comunicado, a Administración autonómica reivindica este "histórico acordo" que é froito do diálogo mantido entre a Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda e a Secretaría Xeral Técnica de Política Social cos representantes dos traballadores. Conta co voto favorable de todas as organizacións da mesa de negociación: CIG, CCOO, UGT e CSIF.
O acordo, que entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), rexerá ata o 31 de decembro de 2026, prorrogándose de forma anual salvo a denuncia dalgunha das partes. De feito, contémplase unha comisión de seguimento do mesmo.
O texto aprobado, recollido por Europa Press, fixa quendas homoxéneas e un descanso de como mínimo 12 horas entre a finalización de xornada e o comezo doutra. Ademais, establécese que todo o persoal terá dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos. Con carácter xeral, garantirase que o descanso semanal caia en sábado e domingo, polo menos a metade das veces --salvo por causas asistenciais--.
Outra das novidades é unha compensación económica por cada catro domingos ou festivos traballados, ademais de dous días adicionais de descanso: de entre 120 e 180 euros --en función da categoría laboral-- para este 2023, que subirá anualmente ata que en 2025 será de entre 160 e 220 euros.
Xunto a esta, haberá un pago especial por traballar en festivos sinalados, que será do dobre do resto. Serán o 24, o 25 e o 31 de decembro, así como o 1 e o 6 de xaneiro. Iso si, ningunha persoa prestará servizo máis de 10 festivos durante un ano natural.
Tamén se dará unha compensación adicional de tres horas de descanso por cada noite traballada, ademais doutras vantaxes na xornada de traballo, de vacacións ou de servizo de comedor. Así mesmo, o acordo establece que polo menos a metade das vacacións do persoal deben outorgarse preferentemente entre os días 1 de xuño e 30 de setembro, e prevé axustes a nivel de persoal, como a conversión a tempo completo de 145 postos que ata agora eran a tempo parcial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.