O PSOE de Pontevedra nega que non queira entrar no goberno de Lores: "En mans do BNG está a decisión"

Iván Puentes insta ao Bloque a reunirse con eles "mañá mesmo", porque "a gobernabilidade da cidade require un acordo" entre ambas as forzas.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 16/08/2023 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

O grupo municipal do Partido Socialista en Pontevedra asegurou que é "radicalmente falso" que teña xa decidido que non quere entrar no goberno local, capitaneado por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e asegurou que a decisión está "en mans" dos nacionalistas.

Os concelleiros socialistas, Iván Puentes, Yoya Blanco, Manuel Fariña e Marcos Rey, compareceron este mércores en rolda de prensa para desmentir o afirmado o luns polo alcalde, que concluíu que o PSOE decidira non entrar no seu equipo, algo que, "non se corresponde para nada coa realidade", dixeron.

Os socialistas, que si entraron no goberno no anterior mandato, criticaron as "inexplicables" e "moi pouco construtivas" comparecencias ante os medios de comunicación de Lores e da alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, neste mes de agosto.

Segundo manifestou Puentes, "en mans do BNG está a decisión sobre que forma de goberno" terá o municipio. O portavoz socialista aclarou que o PSOE "o que non vai facer é integrarse nun goberno municipal que teña un único programa, o programa do BNG", senón nun con "puntos de entendemento" e no que se inclúan propostas de ambas as formacións.

"A decisión tena novamente o alcalde nas súas mans e o BNG", polo que, "se quere que haxa goberno de coalición en Pontevedra é moi fácil: ten que chamarnos por teléfono ou vir ao noso despacho, que compartimos planta, e dicir que quere seguir negociando", indicou Pontes.

O portavoz do PSOE reiterou ao Bloque que "se queren gobernar en coalición, que poñan día e hora" e eles sentarán a negociar, pois lembra que eles "non" se van "de vacacións", co cal poden reunirse "mañá mesmo".

Iván Puentes tamén considera que "falta un pouquiño de obxectividade, formalidade e empatía" por parte dos nacionalistas cando critican a acción política do PSOE nestes dous meses de mandato e limitou as discrepancias á localización da feira ambulante na Alameda e a apertura ao tráfico da avenida Reina Vitoria.

Puentes subliñou que os socialistas non se van "a deixar guiar nin por berrinches, nin por egos, nin por ningún tipo de dogmatismo" e recalcou que, na súa opinión, "a gobernabilidade da cidade require un acordo entre o PSOE e o BNG, porque senón van ser catro anos complicados" polo que agora, só falta pór "sentido común" e "pornos as pilas todos para levar isto a bo porto".

O portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra, Iván Puentes, con colectivos da Coordinadora Galega de ONGD, na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional, a 19 de xullo de 2023
O portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra, Iván Puentes, con colectivos da Coordinadora Galega de ONGD, na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional, a 19 de xullo de 2023 | Fonte: Beatriz Ciscar

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta