Por Águeda Cernadas | Santiago de Compostela | 11/09/2023 | Actualizada ás 22:00
Se algo é habitual en Galicia son os bares, vaias a onde vaias hai como mínimo un. A pesar do éxito destes establecementos nos últimos meses os empresarios teñen unha queixa común, a falta de traballadores do sector. De feito, os datos demostran que despois da pandemia perderonse preto de 70.000 traballadores.
Para descubrir que pasa realmente, falamos con Thor Rodríguez, presidente da Asociación de Hostalaría de Santiago. "É verdade que non se conseguen cubrir as vacantes na totalidade pero non é a situación do ano pasado, a cousa mellorou moito", explica Thor. Este home, dono do bar O Boneco, coñece de primeira man a situación grazas ao seu posto e explica que este ano a problemática céntrase máis no desencantamento da xente co sector.
"A día de hoxe é moi difícil encontrar persoal experto e cualificado dentro deste mundo", explica, xa que en cidades como Compostela xa se demandan "sushimens", "cocteleiros" ou incluso especialistas en repostería para traballar nas cociñas dos restaurantes. A culpa da falta de xente formada neste ámbito débese a mala fama que o sector se autocreou polas condicións e que fixo que a xente de desnamorara da hostalaría.
Ademais, outro dos problemas é a falla de persoal especializado. E que é cada vez menos a xente que decide formarse de maneira profesional neste ámbito, o que fai que sexa máis dificil cubrir certas vacantes que requiren dunha profesionalización maior.
Ademais das malas condicións, horarios de 12 horas, non cobrar as extras, contratos a media xornada facendoa enteira e un longo étcetera, Thor insiste en que hai máis razóns. Entre elas menciona o prezo da vivenda en moitos sitios que fai que sexa imposible sacar algo de beneficio ao mes ou a falla de transporte nocturno que impide que os mozos poidan desprazarse ata zonas más céntricas e viceversa pola noite.
TESTEMUÑAS
Pero se preguntamos á xente que traballou no sector e que decidiu non facelo nunca máis, todos coinciden en que foron as condicións laborais as que lles fixeron rexeitar para sempre este traballo. Jorge, que prefire non dicir onde traballou, explica que antes de deixalo aguantou moito. "Avisábanme do horario incluso o día antes a pesar de decirlle que como mínimo necesitaba sabelo con 3 ou 4 días de antelación para poder facer a miña vida, facía horas de máis que non me pagaban e ademais, ao finalizar a quenda, se pechabas, a hora e pico que che lavaba limpar o local enteiro ninguén cha pagaba nin a contaba como hora traballada", explica Jorge.
Pola súa banda, Damián que estivo 5 anos traballando no mesmo bar e a pesar da boa relación co dono e os compañeiros, conta que é moi esgotador estar traballando case sempre horas de máis, facendo quendas partidas e cobrando un salario que non se corresponde coa calidade de vida que che ofrece. Pero tamén afirma que "a hostalaría non é a miña paixón e simplemente foi como un paso máis para facer cartos e poder buscar o traballo que me gusta de verdade". "Supoño que eso tamén inflúe", engade.
No caso de Josefa Martínez, que leva 35 anos no sector, conta que é dificil compaxinar traballar nun bar ou restaurante con ter vida para unha mesma. Cando foi nai tivo que deixar de traballar xa que os horarios non lle deixaban adicar tempo aos seus fillos, pero unha vez empezaron as crianzas na escola, volveu. "É normal que a xente non queira esta vida, é un traballo moi esclavo e aínda que teñas unhas condicións aceptables, cando todo o mundo descanse é cando máis vas ter que traballar polo que hai que ter vocación e paixón no oficio para adicarte a isto a longo prazo", recoñece.
Por isto, son moitas as vacantes libres en hostalaría e poucas as persoas interesadas en cubrilas, polo que para reverter esta situación fai falla que os propios empresarios se dean de conta que as condicións que eles mesmos ofrecen aos seus empregados son a mellor publicidade que poden facer para atraer novos traballadores ao sector. Como di Thor Rodríguez, "ao final se un dono dun bar explota ao seu empregado é competencia desleal co resto de compañeiros, por unha banda pola mala fama que deixa do sector, e pola outra porque a él costalle menos ese contrato polo que pode sacar máis beneficio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.