Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 18/08/2023 | Actualizada ás 12:16
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron este venres na presentación do proxecto de execución da rehabilitación da Casa do Legoeiro, situada na Ponte Romana de Ourense, que albergará a oficina de turismo e un espazo de exposicións. Conta cun investimento por parte de Turismo de Galicia de 287.936 euros.
A Casa do Legoeiro xa albergou anteriormente a oficina de turismo, e agora, coa rehabilitación, contará tamén cun espazo habilitado para exposicións na súa planta intermedia, sumando un valor cultural e artístico ao recinto. Está previsto que a rehabilitación dea comezo en breve e as obras estean terminadas nos primeiros meses de 2024.
Durante o acto, Xosé Merelles dixo que "a apertura ou remodelación de infraestruturas turísticas sempre é unha boa noticia, non só polo impulso que achega á propia obra para resultar máis atractiva para os visitantes, se non tamén porque a propia cidade vese beneficiada con esta reforma".
O proxecto engloba a rehabilitación interior e exterior do edifico. Vanse a levar traballos de reforma da cuberta, a restauración da fachada e carpintarías exteriores, así como recuperación de pavimentos e colocación de recuperadores de aire para mellorar as a súa calidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.