Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 21/08/2023 | Actualizada ás 13:54
A Garda Civil detivo a catro homes, membros dun grupo delituoso organizado, pola súa presunta vinculación con oito roubos cometidos en naves industriais da zona de Lalín. A investigación iniciouse en xullo por parte do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín, tras producirse varios roubos en naves industriais da comarca. Analizados os feitos e o 'modus operandi', os investigadores centráronse nun grupo organizado dedicado a roubos nestas instalacións, de onde subtraían cable de cobre, aceiro, aluminio, baterías e mesmo obxectos de menos valor.
Para realizar os roubos, utilizaban medios rudimentarios ou forza física para romper paredes, portas e xanelas, e poder así entrar nas naves. A Garda Civil logrou identificar a tres individuos chegados desde Jaén, que teñen vínculos familiares cun veciño da comarca do Deza. Despois de entrar nas naves almacenaban os efectos roubados nun lugar exterior preto das mesmas, para logo recollelos, como prevención por se eran sorprendidos 'in fraganti', e así poder alegar que era chatarra que se atoparon.
O pasado 14 de agosto foron interceptados dous deles cando estaban a roubar, e as pescudas permitiron identificar aos outros dous compoñentes do grupo implicados. Segundo confirmou a Garda Civil, todos eles teñen "múltiples antecedentes penais" por feitos similares, e teñen idades comprendidas entre os 20 e os 39 anos. O valor dos efectos subtraídos e os danos causados poden superar os 800.000 euros. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución número 1 de Lalín, xunto cos detidos. Dous dos implicados ingresaron en prisión provisional, mentres que os outros dous quedaron en liberdade, en calidade de investigados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.