Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2023 | Actualizada ás 15:48
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou este martes que o verán está a ser polo momento "tranquilo no que respecta á atención sanitaria", sen "incrementos significativos das patoloxías asociadas á calor".
Así o dixo nun acto en Ourense a preguntas dos medios de comunicación, despois de que a Xunta de Galicia activase a alerta por un episodio de calor esta semana, con este martes e mércores como xornadas coas temperaturas máis altas. Tanto así que se decretou a alerta vermella para a zona de Valdeorras e a alerta laranxa para o sur de Lugo, Miño de Ourense, a costa da provincia de Pontevedra e parte do litoral de Coruña, con alerta amarela para o resto do territorio.
Ante esta situación a Consellería de Sanidade trasladou unha serie de consellos á poboación, como beber máis líquidos do habitual sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes ou alcohólicas, comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas; así como usar roupa lixeira de tecidos naturais e aplicarse crema solar protectora.
O titular de Sanidade recalcou este martes as medidas, facendo especial fincapé na importancia de manterse hidratados e en evitar saír ao exterior en "as horas de máis calor, que todos sabemos cales son". "As medidas de sentido común que todos os galegos e galegas aplican normalmente e que estes días hai que extremar", sostivo Comesaña, pondo o foco sobre todo en que as cumpran "as persoas maiores e a xente máis nova".
A pesar de todo, sinalou que en Galicia, polo momento, "non hai un incremento significativo das patoloxías asociadas á calor", esgrimindo que, pola situación xeográfica galega, as ondas de calor ata o momento "só afectaron tanxencialmente", aínda que a desta semana "parece que vai afectar máis directamente". Por iso, lembrou "ese chamamento á prudencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.