Gonzalo Caballero avisa a Formoso: "o candidato á Xunta debe saír dunhas primarias"

O exsecretario xeral da PSdeG remarca a necesidade de centrarse na reelección de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2023 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

O exlíder do PSdeG e agora deputado socialista, Gonzalo Caballero, advertiu este xoves que o actual secretario xeral, Valentín González Formoso, "debe garantir" que o candidato ou candidata socialista á Xunta "sairá dunhas primarias".

Segundo traslada nun comunicado, que acompaña dunha fotografía, Caballero mantivo unha reunión en Santiago con máis dun centenar de militantes socialistas cos que analizou a situación política e profundou tamén no adiamento das primarias do PSdeG decidido pola dirección federal do partido.

Neste escenario, remarcou que entende que "o fundamental agora é centrarse na investidura", e mostrou o seu desexo de que Pedro Sánchez sexa reelixido presidente neste outono, de forma que as primarias galegas poidan celebrarse a finais deste ano ou a principios do próximo.

Ao fío desta afirmación, defendeu que "convén que o secretario xeral garanta que o candidato ou candidata do PSdeG á presidencia da Xunta sairá, en calquera caso, dunhas primarias".

Neste sentido, apuntou que respecta que Ferraz suspendese o calendario marcado pola dirección galega do PSdeG, pero remarcou que é preciso "asegurar os mecanismos de democracia interna do Partido Socialista e non dar nin un paso atrás" nesta liña.

"A VOZ DAS BASES TEN QUE SER ESCOITADA"

"A voz das bases ten que ser escoitada", recalcou Caballero, contrario a que o proceso de elección da persoa candidata á Presidencia da Xunta polo PSdeG se substitúa por unha designación "a dedo".

De feito, insistiu en que deben acometerse "unhas primarias frescas, participativas e non teledirigidas". "Teñen que ir moito máis alá da vontade e das instrucións marcadas polas presidencias das deputacións da Coruña e de Lugo", apostilou.

Precisamente, despois de mostrar a súa preocupación pola evolución do partido en Galicia, reivindicou as primarias como o instrumento co que "endereitar o rumbo" e "volver crecer electoralmente", como ocorreu --subliña-- "en todos os comicios" na súa etapa como secretario xeral socialista.

"Temos que remontar os golpes das municipais e das xerais en Galicia e enfrontar as autonómicas con fortaleza para dar aos galegos e ás galegas unha alternativa de progreso", aseverou.

Finalmente, volveu tender a man á dirección encabezada por Formoso para "contribuír a mellorar", despois de constatar que nas eleccións locais do pasado 28 de maio o PSdeG "caeu tres veces máis que no conxunto de España" e que nas xerais do 23 de xullo "Galicia foi a única comunidade autónoma na que o PSOE baixou en porcentaxe de votos".

Gonzalo Caballero, reunido con militantes socialistas.. DIFUNDIDA POLO EQUIPO DO EXLÍDER DO PSDEG
Gonzalo Caballero, reunido con militantes socialistas.. DIFUNDIDA POLO EQUIPO DO EXLÍDER DO PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta