Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 31/08/2023 | Actualizada ás 12:19
Ao redor dunha vintena de especialistas de diferentes institucións reuniranse en Lourenzá, vila natal do homenaxeado de 2023 polo Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, para analizar a súa pegada na cultura galega do século XX. Entre o luns 4 de setembro e o mércores 6, estudarán a biografía e a obra do homenaxeado como activista, intelectural, estudioso e escritor nos sucesivos contextos históricos que percorreu na súa case centenaria vida.
A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran na organización da cita, que forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan ademais co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.
O académico e catedrático da USC Henrique Monteagudo dirixe as xornadas, que poderán seguirse en directo a través da páxina web da Real Academia Galega. A institución publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín. O presidente da Academia inaugurará o foro cunha conferencia sobre Francisco Fernández del Riego nesta institución. O homenaxeado estivo vinculado a ela desde 1948, primeiro como académico correspondente e logo, a partir de 1960, como numerario.
Unha das súas primeiras iniciativas como tal foi propor a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, agora el mesmo protagoniza. A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de don Paco nos seus últimos tres anos de vida.
O programa do martes arrincará cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda 'Da República á resistencia', co académico Lourenzo Fernández Prieto, profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez.
A mañá finalizará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América, coa que "tendeu constantemente pontes durante a ditadura". Neste terreo profundará durante a tarde do día 5 de setembro o académico Jesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone. A xornada do martes acabará cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá, guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.
ACTIVIDADE EPISTOLAR
A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención xa na xornada do mércores 6 de setembro, na que se analizará pormenorizadamente o valor das cartas que intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, e o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo.
Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre don Paco e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.
A relación entre memoria, ensaio e paisaxe na obra de Del Riego será o eixo da seguinte mesa redonda, na que tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico correspondente Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo.
A xornada de clausura finalizará cunha terceira mesa redonda sobre Francisco Fernández del Riego na xeración Galaxia, coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do ILG e secretario do curso de verán, Álex Alonso Nogueira, e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.