As Aulas Móbiles de Informática estenderanse en 2024 a todos os centros de Primaria, con 13.000 equipos

Trátase dun conxunto de computadores portátiles, con carro de carga incorporado, que pode desprazarse a calquera aula do centro educativo para convertela nunha aula dixitalizada.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/09/2023 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou este luns, nunha visita ao CEIP Pintor Laxeiro de Vigo, o proxecto de Aulas AMI (Aulas Móbiles de Informática), que xa empezou a despregarse e que se estenderá a todos os centros de Primaria ao longo de 2024, cun total de 13.000 equipos.

Trátase dun conxunto de computadores portátiles, con carro de carga incorporado, que pode desprazarse a calquera aula do centro educativo para convertela nunha aula dixitalizada. Esta iniciativa, cun investimento de 7,5 millóns, compleméntase con outras ferramentas e medidas postas en marcha pola Consellería en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Román Rodríguez explicou que, ademais da AMI, a Xunta prevé renovar e ampliar a instalación de pantallas dixitais interactivas, de maneira que este curso chegarán ao cento por cento das aulas, desde infantil á ESO. En total, serán algo máis de 14.000 cun investimento de case 50 millóns de euros, e chegarán tamén a centros como conservatorios e escolas de idiomas.

Así mesmo, continuarase coa implementación dos chamados Polos Creativos, que xa o pasado curso comezaron a funcionar de forma experimental en 225 centros. Dada a súa boa acollida, a previsión da administración é estendelos a todos os centros, cun investimento de 27 millóns de euros. A iso súmanse as actuacións do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, enfocadas á adaptación dos espazos ás novas formas de aprendizaxe e ao uso de novas tecnoloxías.

O conselleiro destacou que "a tecnoloxía é un instrumento dentro do proceso de aprendizaxe, non un fin en si mesmo", e que debe estar ao servizo de profesores e alumnos, ademais de axudar a estimular a creatividade e a aprendizaxe competencial. Pola súa banda, o director da Amtega, Julián Cerviño, que tamén estivo este luns no CEIP Pintor Laxeiro, subliñou que Galicia é "unha sociedade dixitalmente madura, cunha educación plenamente dixitalizada" e os desafíos implican camiñar cara á vangarda na aplicación de tecnoloxías que están en fase de desenvolvemento.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha aula do CEIP Pintor Laxeiro de Vigo
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha aula do CEIP Pintor Laxeiro de Vigo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta