Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/09/2023 | Actualizada ás 20:55
Comeza un novo curso escolar e con el as carreiras mañaneiras para chegar a tempo á escola. E, ollo, porque se es pai ou nai tes que ter moito ollo en onde aparcas o coche, aínda que sexa uns minutos. A Lei de Tráfico é clara a este respecto, aparcar en dobre fila non está permitido e leva unha sanción de até 200 euros.
Agora ben, podemos non ser sancionados se non abandonamos o vehículo e permanecemos parados menos de dous minutos se estacionamos nun lugar no que non obstaculicemos gravemente a circulación. Pero, isto, é moitas veces, imposible, e co movemento de coches que se rexistra nos arredores dos colexios en hora punta, un coche en dobre fila vai prexudicar inevitablemente o fluxo de circulación.
A DGT recomenda aparcar o coche correctamente, levar a mochila no maleteiro e acceder a pé ao centro escolar. Isto pode resultar complicado nalgunhas zonas, especialmente as situadas no centro das cidades. Entre os consellos, tentar saír antes da casa para evitar atascos e utilizar aplicacións que nos mostran as zonas onde é máis fácil atopar estacionamento.
Unha vez que aparcamos o vehículo é moi importante que os nenos baixen polo lado da beirarrúa para evitar contratempos con outros coches. Finalmente, os expertos insisten en que os nenos deben viaxar nos asentos traseiros e, sempre, con sistemas de retención homologados ou o cinto de seguridade, se superaron os 135 centímetros de estatura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.