Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/09/2023 | Actualizada ás 21:55
"Negocio limpo, negocio rápido, negocio seguro". As empresas de enerxías renovables galegas cotizan alto e cotizan moi ben. Tanto que nos últimos anos os seus dirixentes están na listaxe dos homes máis ricos de Galicia. É o caso de Greenalia, Ecoener ou EiDF.
A apertura do mercado eólico por parte da Xunta, o novo mercado da eólica mariña e a perspectivas a futuro das enerxías verdes está disparando a cotización destas empresas. Greenalia gañou o pasado ano un 37% máis que o anterior, Ecoener triplicou o seu beneficio e EiDF revalorizouse un 500%. E isto é un pequeno pedazo da tarta porque as grandes multinacionais eólicas como Acciona, Iberdrola, Gas Natural, EDP, Isolux Corsán o Gamesa son as que realmente enchen ben os petos.
Un mercado que vai en crecemento xa que até 2030 hai que adxudicar 60 gigavatios (GW) de potencia en todo o Estado, sobre todo en eólica e solar, que van supor máis de 39.000 millóns de euros de investimento, segundo as estimacións dos especialistas da Asociación Española Fotovoltaica (UNEF) e a Asociación Eólica Española (AEE).
E nesta puxa de crecemento e negocio "verde" gañan as empresas e gañan os empresarios. De feito, tres dos homes máis ricos de Galicia están vinculados a empresas de enerxías renovables: Manuel García Pardo, en Greenalia; Luis de Valdivia, en Ecoener e Fernando Romero Martínez, en EiDF.
GREENALIA
Manuel García Pardo é principal accionista (84%) e CEO de Greenalia á que chegou a través de Renova. García Pardo ten unha fortuna de máis de 325 millóns de euros que amasou nos últimos anos grazas ao sector das enerxías verdes. Logo de rematar COU comezou a traballar en García Forestal, a empresa do pai, adicada a subministración de produtos forestais para a fabricación de celulosa, enerxías eléctrica e térmica e pellets. De aí deu o salto a Renova cando uliu o negocio das eólicas.
Greenalia é unha das empresas eólicas con maior proxección en Galicia. Dela dependen a posta en marcha da planta de xeración eléctrica con biomasa forestal máis grande do sur de Europa (en Curtis-Teixeiro) e os parques eólicos de Miñón, Alto da Croa e Monte Tourado. E o seu proxecto estrela, unha planta dedicada á fabricación de fibras textiles (biofibras) en Palas de Rei (Lugo) en colaboración co grupo portugués Altri. Impulsado pola Xunta, este proxecto prevé un investimento de 800 millones de euros, Pero tamén deu o salto ao estranxeiro. En 2021 mercou unha sociedade estadounidense de enerxías renovables coa que está poñendo en marcha un parque fotovoltáico de 670MWp en Texas.
En febreiro de 2020 incorporouse a esta empresa a que fora conselleira de Emprego e Benestar da Xunta, Beatriz Mato que exerce, actualmente, como directora de Desenvolvemento Corporativo e Sustentabilidade da empresa, da que tamén é conselleira executiva. En xuño de 2020 uniuse tamén a Greenalia (cun 5,18% das accións) José María Castellano, expresidente de Ono e NovaGalicia Banco e exvicepresidente de Inditex.
LUIS DE VALDIVIA CASTRO
Luis de Valdivia, fundador e presidente de Ecoener, ten unha fortuna estimada de máis de 230 millóns de euros. Antes coñecido como Luis Castro Valdivia --decidiu invertir os apelidos--, é o fundador e presidente de Ecoener, empresa que constituíu en 1988 (baixo o nome de Hidralia). Posúe o 71% da compañía a través do holding Luis de Valdivia SL.
Ecoener céntrase en proxectos de enerxías hidráulicas, eólicas e fotovoltaicas. A pesar de que a maior parte do seu negocio está en Canarias, exerce de vogal do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para temas de sustentabilidade. De feito, a súa relación co PP ven de longo.
Castro Valdivia ou Valdivia Castro foi un dos grandes impulsores da caída do proxecto eólico do bipartito. En 2009 denunciou as concesións de parques eólicos do goberno de PSOE-BNG (finalmente anuladas polo PP). O PPdeG foi benevolente con el despois e recibiu varias das concesións do goberno do PP na Xunta. Concesións que deron lugar a unha denuncia por tráfico de influencias. A oposición denunciou entón que Ramón Ordás, entón director de Industria da Xunta, era o seu cuñado. A denuncia arquivouse en 2010.
Tamén se viu envolto noutra polémica en Guatemala cun proxecto de Hidralia. En 2013 acabou con graves altercados entre os opositores á obra e a policía, o que provocou o seu abandono. En 2021, Ecoener saíu a Bolsa, tras a incorporación como conselleiros dominicais dos exministros do PP Eduardo Serra e Ana Palacio, e de Carlos González-Bueno, exsubsecretario de Estado nos ministerios de Ciencia e Tecnoloxía e Industria e Enerxía. O seu estreo na bolsa non foi como se esperaba e redudiu en 60 millones o valor empresa: de 238 a 178 millóns. Con todo, un ano despois volvía triplicar beneficios.
FERNANDO ROMERO MARTÍNEZ
EiDF, unha firma de instalacións fotovoltaicas para autoconsumo de empresas, valía en abril deste ano uns 1.700 millóns de euros. Agora, o último dato do mercado sitúaa en pouco máis de 225 millóns. "2022 será excepcional", dicía Fernando Romero Martínez, SEO e fundador desta empresa a comezos dese ano. Ao peche, o tamaño de EiDF superaba a unha empresa do Ibex, Meliá, e decenas do Mercado Continuo.
EiDF naceu en 2008 e ten a súa sede en Barro. O seu primeiro accionista, Romero, é con 41 anos un dos multimillonarios máis novos do Estado e a cuarta persoa máis rica de Galicia. Fillo de emigrantes galegos en Rentería, conseguiu que esta empresa se revalorizara un 478,81%, o que a permitiu alcanzar unha capitalización de 1.721 millóns de euros.
Ademais de controlar a fotovoltaica a través de Prosol Energía, este empresario tamén controla a empresa Romar Gestión 2013 SL. Romero pasou de declarar perdas en Prosol en 2021 a ser en 2023 a cuarta persoa máis rica de Galicia cun patrimonio neto de 1.185 millóns en febreiro deste ano, 975 millóns máis que un ano antes, segundo Forbes, só por detrás de Amancio e Sandra Ortega e Juan Carlos Escotet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.