Excarceran unha muller en Narón logo de bater contra unha mediana

A ferida foi atendida polos servizos sanitarios, que se desprazaron ao lugar nunha ambulancia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2023 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

Unha muller foi excarcerada, na madrugada deste sábado, polos Bombeiros de Narón tras de chocar contra a mediana o coche que conducía.

Segundo informou o 112, os feitos ocorreron no quilómetro catro da FE-11, á altura de Xubia e foi un particular o que alertou de que un coche chocou contra a mediana e a implicada perdía a conciencia por momentos.

Os Bombeiros usaron o material de excarceración para retirala ao exterior e despois limparon a vía, na que o tráfico estivo interrompido durante os traballos de emerxencia.

Pola súa banda, a ferida foi atendida polos servizos sanitarios, que se desprazaron ao lugar nunha ambulancia.

Ademais dos Bombeiros de Narón, neste operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Narón e os servizos de mantemento da estrada.

FERIDO EN RIANXO

Un home resultou ferido o lugar de Ourille, pertencente ao municipio coruñés de Rianxo, tras envorcar o quad que conducía. A persoa tivo que ser evacuada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Os feitos sucederon ás 00,30 horas e foi un particular o que alertou ao 112. O implicado estivo consciente en todo momento, aínda que necesitaba asistencia sanitaria urxente.

Por iso, a central de emerxencias informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, á Garda Civil de Tráfico, ao GES de Noia, á Policía Local e Protección Civil de Rianxo.

RETIRADA UNHA PERSOA DO SEU VEHÍCULO EN OURENSE

Unha persoa, inconsciente, foi retirada polo maleteiro do seu vehículo tras envorcar lateralmente na rúa de Bos Aires, en Ourense.

O 112 Galicia recibiu a alerta por uns particular minutos antes das 20,30 horas do venres e solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros e a Policía Local de Ourense.

Helicóptero e ambulancia do Urxencias Sanitarias 061 Galicia
Helicóptero e ambulancia do Urxencias Sanitarias 061 Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta